Agafi Deza comeza a moverse

Amelia Ferreiroa

LALÍN

A Asociación Galega de Fibromialxia inicia no mes de outubro en Lalín clases de tai chi, ioga e relaxación

19 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A agrupación comarcal da Asociación Galega de Fibromialxia vai tomando corpo, segundo recoñece a delegada de zona Teresa Míguez, aínda que resta camiño por percorrer e darse tamén a coñecer. «Os doentes, os familiares, os amigos e a sociedade en xeral poden achegar a nosa asociación. Mantemos reunións os primeiros xoves de mes ás 21 horas no local que nos cedeu o Concello de Lalín, aos que lles estamos moi agradecidos por certo, pero bótase de menos que non haxa máis asistencia», salienta a delegada zonal.

O colectivo conta na actualidade cunha trintena de socios a pesares de que se sabe con certeza que os casos de fibromialxia na zona son moitos máis. «Afectados hai ben máis en toda a comarca pero a xente se acomoda coa enfermidade, pensa que xa non pode facer nada con ela e se apalanca. Eu son das que penso que non podemos quedarnos quietas, que temos que saír, conversar e desenvolver actividades. Nos costa esforzo facelo e moito traballo pero o mellor é facelo». Por iso, dende a asociación se iniciarán no mes de outubro unha serie de actividades que se celebrarán no pavillón dos deportes e na Casa da Xuventude de Lalín. Actividades nas que poderán participar todas as persoas aqueixadas de fibromialxia que o desexen. «Estamos a falar de clases que serán gratuitas e temos que agradecerllo ao Concello de Lalín e especialmente á concelleira de Sanidade, Pilar López Carrón, que nos está axudando con todo isto e aos técnicos dos Concellos Saudables que serán os encargados destas actividades».

As actividades que se impartirán serán tai chi, ioga, ximnasia de mantemento e relaxación. No pavillón dos deportes impartiranse as clases de ximnasia e de relaxación os luns, a partires das 19 horas. No caso das clases de ioga e tai chi desenvolveranse nas dependencias da Casa da Xuventude. Serán os venres, pero non está aínda pechado o horario das mesmas. Barállase as seis e as sete da tarde, a falta dunha confirmación definitiva. A delegada de zona da Asociación Galega de Fibromialxia fai un chamamento a todas as socias para que non deixen escapar a ocasión de asistir a estas actividades, as primeiras que convoca Agafi dende a constitución da delegación na capital dezá. Míguez lembra que é preciso aproveitar os recursos locais e comarcais, «nós a Santiago imos só para unha cousa puntual. O importante é que a asociación se acerque a nós. Iso é o que tentamos facer pero para elo contamos cos socios e con todos aqueles que nos queiran axudar e desexen coñecernos. As nosas portas están abertas a todos non só a asociados». A delegada de Agafi mesmo está pensando en pór outro día ao mes adicado a coñecer a asociación, «para que sexamos máis de sete persoas en cada un dos encontros mensuais».