«De Perdidos al Trío» presenta os temas do seu cedé en Lalín

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

O grupo interpretará, o vindeiro día 19 no casino, boleros e cancións populares extraídas do seu primeiro traballo

05 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro da programación deseñada dende o Casino de Lalín figura a actuación do grupo «De Perdidos al Trío» para o 19 de febreiro ás 22 horas, na que presentarán o seu primeiro disco. Un trío que é na actualidade un cuarteto; con José Luis Factor, Manuel Senande, Juan García e José Luis Guitián na súa composición e un primeiro cedé na rúa «que veu a luz para ter de recordo desta etapa tan bonita que estamos a vivir e tamén polo feito de que nolo viñan pedindo cando íamos a actuar a algún sitio e nos demandaban un disco. Como non cobramos nada polas actuacións, a non ser ir de mantido nalgunhas ocasións, o que facemos en concepto de venda axuda para pagar a gasolina dos desprazamentos», comenta Manuel Senande.

O título do primeiro cedé facendo un aceno ao número de integrantes, «Cuatro Vidas», e no seu interior trece temas «que semella non ser unha boa cifra pero escollemos trece boleros e cancións clásicas populares que é o que nos gusta e o que cantamos. O do título é polo feito de que somos catro e tamén porque así se titula unha das cancións deste disco do que fixemos unha pequena tirada de copias; pero suficientes para os que o queiran mercar en Lalín». Na actuación do vindeiro sábado o público asistente terá a ocasión de escoitar a totalidade dos temas que se recollen neste disco e que foi recentemente grabado en A Coruña. «Unha horiña de concerto; moito máis non que logo xa se fai demasiado longo, e coa interpretación por riguroso orde das trece cancións que agardamos lles gusten a quenes veñan ata o casino». Instalacións lalinenses nas que xa actuou con anterioridade o grupo lalinense que continúa mantendo un bo ritmo de actuacións por Galicia adiante. O máis inmediato no calendario é Santiago de Compostela. «O próximo día 14 voltamos ao Hostal dos Reis Católicos, por mor da celebración do San Valentín, onde xa estivemos noutras ocasións. Pola provincia de A Coruña movémonos bastante. Estivemos tocando en distintos locais de Melide, Arzúa, Muros... Que me lembre tamén tivemos actuacións en Chantada, Cea, O Carballiño e a provincia de Pontevedra é onde menos concertos realizamos ata o de agora. Só tocamos en Lalín. Témola un pouquiño abandoada».

No horizonte do grupo a posibilidade de sacar un seguinte traballo discográfico, «o tempo o dirá. Nós non vivimos da música. Só o pasamos ben co que facemos e a intención e seguir cantando, ensaiando e actuando onde nos van chamando».