Agar Ledo, que destaca a auencia de políticas culturais dende o ámbito público, participa hoxe nunha mesa redonda en Lalín
02 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.A Bienal Pintor Laxeiro abreu as súas portas o 5 de maio nunha edición que busca reformular o certame. A programación deseñada polo comisario da mostra, o lalinense Ángel Calvo Ulloa, inclúe programas específicos de pensamento e debate. Nese contexto, hoxe, ás 19.00 horas, haberá unha mesa redonda con Agar Ledo, responsable de exposicións no museo Marco de Vigo dende fai dez anos; Miguel Anxo Rodríguez, profesor de Historia da Arte na USC; e Manolo Figueiras, artista plástico e historiador. Con Agar Ledo Arias (Santiago, 1975), vencellada a Lalín xa que a súa familia materna é de Prado, falamos da situación da plástica en Galicia.
-A mesa redonda na que participa hoxe en Lalín leva por título «A plástica aquí, no lugar da imposibilidade». ¿En Galicia é imposible facer plástica ou o título está sobredimensionado?
-Penso que o título da mesa, que é unha proposta do comisario da Bienal, é moi axeitado para chamar a atención sobre o sector das artes visuais en Galicia, que non está aínda articulado e que arrastra certa dependencia dos poderes políticos. Penso que fai alusión directa á ausencia de políticas culturais que dende o ámbito público favorezan a produción de arte.
-¿Imposibilidade creativa ou na visibilidade da arte?
-Sen dúbida o segundo. Con certeza en Galicia hai moitas e moitos artistas e axentes que abordan no seu traballo cuestións pertinentes e propias da contemporaneidade, pero non temos traballado en canles de apoio á produción e á difusión para que esas propostas acaden visibilidade e operen como debería operar a arte, de xeito crítico e transformador. O contexto galego está moi institucionalizado, e a visibilización depende dunhas institucións que poucas veces saen do ámbito da exposición para dar apoio a todo o ciclo da creación, dende a produción ata a visibilización.
-¿A arte vencellada ao territorio vive un bo momento?
-Eu creo que hai máis conciencia que nos anos 90 (que foron terribles polas dinámicas de consumo feroz que propiciaron, tamén no mundo da arte e das exposicións) de que hai que traballar en cuestións dirixidas a situar e ordenar a comunidade sociolóxica, cultural e xeográfica dende a que traballamos. Para formar parte do contexto histórico universal contemporáneo, é fundamental saber quen somos e recoñecer a nosa situación sen complexos. Mesmo así, aínda boto en falta esa posición crítica desde a que cuestionar, tanto dende o ámbito da creación como o da xestión, o contexto desde o que producimos.
-¿As correntes locais teñen voz propia ou están condicionadas polas correntes artísticas de ámbito internacional?
-Coa sobreabundancia de información que caracteriza este contexto formativo globalizado, hai moita contaminación, algo que non é necesariamente malo se o asumimos criticamente. Neste contexto, é moi interesante pensar en cuestións de identidade, pertenza ou especificidade. A delimitación xa non vén dada por límites xeográficos senón emocionais. E penso que un dos efectos do neoliberalismo e o capitalismo, do noso tempo, é que a xente percibiu que agora, máis que nunca, precisamos fuxir da estandarización e atender ás singularidades impulsando políticas de proximidade que operen desde o local. Pero é moi difícil separar as artes das industrias culturais e conseguir que non se midan en termos de mercado.
-Arte de mínimos, de redefinición de obxectos con novos usos, forman parte de propostas de novos creadores como Misha Bies Golas, Rosendo Cid,.. ¿Gañan peso propostas deste tipo ou seguen tendo máis atractivo nomes xa consolidados, xa que estamos en Lalín como Antón Lamazares?
-O mercado é imprevisible, e os parámetros que o moven son abstractos. A xestión debe manterse á marxe do mercado e da especulación, pero xa sabemos a capacidade deste sistema capitalista para converter todo en mercadoría. Tanto as propostas dos novos creadores da xeración de Misha ou Rosendo, como as de artistas da xeración de Lamazares é fundamental estudialas atendendo aos contextos específicos nas que se producen, non porque teñan máis ou menos peso no mercado.
-¿Xa visitou a bienal?
-Sí, por suposto. Hoxe é a segunda vez que a visito. Creo que é un proxecto que merece toda a atención dos axentes que estamos a traballar no ámbito da produción de discurso por medio das exposicións. É unha proposta moi equilibrada e que, ademais, aborda unha cuestión fundamental, a da tradición e a da ollada ao pasado. É fundamental coñecer a tradición, aínda que sexa para rexeitala. E en Galicia houbo varias rupturas que causaron certa amnesia.
-¿É un bo momento para o comisariado de arte?
-Eu son das que cree que a profesión do comisariado de arte estase desvirtuando moito, porque tamén está moi condicionada polas dinámicas de oferta-demanda do mercado. Creo que é unha profesión que precisa de tempo para abordarse ben, pois a produción de coñecemento e a investigación, que é no que se basa, non se fai dun día para outro.
-¿Está contenta coa acollida a mostra de Ánxel Huete?
-É moi boa, grazas. É un deses proxectos necesarios que nos axudan a volver sobre cuestións proximas. Huete é un artista imprescindible para entender o desenrolo das nosas artes visuais. Foi toda unha aprendizaxe traballar con el.