Dzine , The End

Javier Hita

LALÍN

05 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe finaliza un capítulo máis da historia do asociacionismo en Lalín. Rematou un camiño que comezou hai 3 anos cunha convocatoria aberta para ver como se podía dar resposta ás necesidades de toda unha comarca que quedaba sen cines. Así xurde como unha iniciativa cidadá o Cineclube Dzine.

Na na busca dun espazo digno, atopamos unas instalacións públicas deficitarias. Primeiro asumimos a substitución e incluso aluguer de medios, logo tratando de facer incidencia sobre as responsabilidades públicas no tocante a instalacións e finalmente na busca de apoios concretos. Isto levou a proxectar en espazos que non sempre reunían as condicións que nos terían gustado e tras un tempo de loita con recursos humanos limitados, decidimos cambiar de estratexia, observando agora con alegría que cando menos moi puntualmente atopamos cine e proxeccións na nosa programación cultural municipal. Entendemos que se percibe agora a importancia do cine, aínda que non contemos con salas comerciais.

Estas dificultades non impediron que desde Dzine en todo este tempo proxectasemos unhas 40 longametraxes e máis de 30 curtas onde houbo comedia, drama, documentais, acción (as memorables pelexas de Capitão Falcão cos lobisomes comunistas)... Apostamos polo cinema en galego e demos espazo a cineastas e productores locais. Colaboramos Salvemos Catasós, A Tarabela, Amarante Setem, Trespés; con centros culturais europeos, como o Instituto Goethe ou o Instituto Francés.

Integrámonos na Federación de Cineclubes de Galicia para aunar esforzos e participamos como xurado en eventos internacionais. Tratamos nas nosas proxeccións e debates temáticas dcomo a crise das personas refuxiadas, a explotación laboral, a corrupción política ou a loita LGTBI. Temos moito que agradecer. En primeiro lugar os socios e membros da directiva que traballaron arreo sen ningunha contrapartida económica. A FECIGA e especialmente a Manel polo seu constante asesoramento. A todos os colectivos que participaron: Salvemos Catasós, Trespés, Amarante Setem, Tarabela, o Foro da Vila, O Naranxo, Asociación O Faiado da Memoria... e ao Casino de Lalin por cedernos indefinidamente un espazo para proxeccións. A Benxamín Otero por facilitarnos a filmografía de Tarkovsky e a Román Gutiérrez por prestarnos desinteresadamente o seu magnífico proxector e pantalla. O Cineclube finaliza agora o seu percorrido, pero antes queremos despedirnos cunha última proxección. Será unha película sorpresa á que estaredes todos/as convidados/as e na que vos faremos partícipes doutros interesantes proxectos..