«A saúde mental é un tema moi rodeado de estigmas»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

A protección e a tutela así como a asistencia psiquiátrica son temas que se abordarán hoxe nunha xornada

17 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Afondar sobre saúde mental é o obxectivo dunha xornada que a Asociación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental Morea de Lalín, que dirixe Julia Enríquez, levará a cabo hoxe dende as 9.30 horas nas dependencias da biblioteca da vila.

-Como xurde a idea de celebrar esta xornada?

-Levabamos tempo dándolle voltas a poder facer algo desta índole, e cando nos destinaron a recadación do Cocido Solidario pensamos que a mellor maneira de invertir esa recadación era na xente do pobo a quen lle interesara a temática. Ao facer unha xornada sempre chegas a máis xente.

-É preciso informar máis sobre saúde mental?

-A saúde mental é un tema que está aínda moi rodeado de estigmas e parece que se non nos toca de cerca que non nos urxe informarnos. Certo que percibo máis conciencia social coa discapacidade e coa enfermidade mental que tamén nos corresponde ás asociacións darlle visibilidade aos nosos colectivos e á labor que facemos. Canto máis se fale do tema máis se naturaliza e máis chegamos ás persoas que o precisan.

-Como se estructurará?

-A presidenta de Morea Mª Ángeles Fernández e o concelleiro de Benestar Social de Lalín Nicolás González serán os encargados de inaugurar a xornada para logo dar paso á primeira mesa redonda. O equipo de rehabilitación do Hospital Psiquiátrico de Conxo composto polos psiquiatras Ramón Area e Ramón Ramos, a traballadora social Mª Carmen Viz Otero e a psicóloga clínica MªJesús Villares falarán da «Asistencia Psiquiátrica na Comunidade a Persoas con Trastorno Mental Grave». Faremos un descanso ás 11.30 horas e reanudaremos as charlas ás doce coa segunda mesa redonda sobre a «Protección e Tutela no eido da Saúde Mental»; intervirá a avogada Mª Carmen Illobre, o director da Fundación Tutelar Feclem en Castela e León Luis Ignacio García e o psicólogo Alfonso Díaz.

-Para todos os públicos?

-Para socios, familias... canta máis xente participe e se informe sobre saúde mental mellor.

-Novos proxectos á vista?

-O máis inmediato é informar e asesorar día a día ás familias xa que esta é unha actividade puntual e seguir invertindo esforzos en cubrir máis servizos.