Rafael Cuíña: «Vamos a situar a Lalín no mapa, a referencia que foi durante décadas»
LALÍN
«A xente morde no mellor dos sentidos e cando teñen que protestar, pois protestan», destacou o mandatario local
21 ene 2018 . Actualizado a las 20:24 h.A mesa repleta de carpetas, de papeis. Nas paredes planos, o mapa de Lalín. Sen apenas obxectos decorativos, superfluos. Falamos do despacho do alcalde nas cumes do castro tecnolóxico. Ao que seguro lle vai tomando máis cariño a pesares de que non sería a obra que houbese feito no seu día como casa común dos lalinenses. A pouco máis dun ano de finalizar mandato, abordamos con Rafael Cuíña a situación do Concello, da política local,... E fala con rotundidade: «Para min é un orgullo ser alcalde dun Concello como o de Lalín, no que vexo que a xente morde non mellor dos sentidos e cando teñen que protestar, pois protestan, e que está en franca recuperación e as cousas se están facendo razoablemente ben para volver a situar a Lalín no mapa, a referencia que foi durante décadas e se perdeu durante a crise e para iso debemos sumar todos».
-O 2018 arrincou co orzamento prorrogado. Descartado calquera acordo coa oposición, xa que no 2017 tiveron que someterse a unha moción de confianza para sacar adiante as contas?
-Aínda non abrimos vía de diálogo coa oposición polo presuposto pero non a descartamos. Eu o dixen ben claro cando nos obrigaron a ir a unha moción de confianza. O orzamento é bó para este ano -en referencia ao 2017-e para o próximo porque garante os fondos europeos, que era o que nos obsesionaba e que algúns parece que intentaban que non fosemos capaces de executalos. Mandei antes do verán a Intervención a orde de empezar a facer o esqueleto do orzamento para intentar aprobalo en calquera momento, pero non o vamos facer sen falar co Partido Popular aínda que teño claro que non vai a haber moitas posibilidades porque así o demostraron a outra vez, poñendo desculpas.
-Falou de inversións por 7 ou 8 millóns de euros neste ano. Unha cifra moi elevada.
-Mentras a regra de gasto o permita e as posibilidades técnicas vamos a aproveitar ao máximo os fondos propios do Concello, aprobados neste momento e hai para investir bastante. E eu fun un dos que conseguiu convencer á Deputación para que o orzamento de dous anos se poida concentrar en ano e medio, e despois está a activación do Edusi. Se todo vai como ten que ir esa cifra é a que pretendemos, pero sempre hai dificultades. Por exemplo unha dificultade vai ser que temos á xefa de contratación a punto de coller a baixa maternal e a súa adxunta por así decilo a ten por enfermidade. Xa nos estamos organizando para salvar esa situación aínda que persoas novas en novas funcións ralentizan máis. É un dos medos que teño.
-A recuperación do rural estivo dende o primeiro día nas prioridades deste mandato.
-Despois da Feira do Cocido empezarei outra volta potente polo rural e xa estivemos vendo proxectos para meter en pistas, puntos de luz e traídas de auga. A verdade é que queda moitísimo por facer porque o rural estaba moi abandoado. Eu dixen o día da miña investidura que este primeiro mandato ía a ser o da política das cousas pequenas, básicas e elementais para os veciños, e neso estamos traballando. Nesta liña o rural ten especial protagonismo pero hai que ter en conta que temos máis de mil quilómetros de pistas e a cantidade de cousas que temos que facer e os medios nunca son suficientes. Creo que neste ano 2018 o rural vai ter moitísimo protagonismo. Hai parroquias como a de Goiás que é enorme e leva investimentos moi altos, e hai outras pequenas que levan pois unha pista, un punto de luz, cousas máis difíciles de cuantificar pero é certo que en todolos lados hai permanentes reclamacións, lexítimas, en non poder atendelas todas no momento que se piden para min é frustrante, pero non hai parroquias de primeira nin de segunda, hai prioridades e necesidades. Antes xestionaban máis en función do número de veciños que tiña cada lugar, agora entendo que pretendemos ter unha visión moito máis global e politicamente menos intelixente.
«A relación coa oposición vai por épocas»
-Falaba de axustes por baixas no persoal. Teñen nova interventora e un dos seus informes xerou intenso debate político, ao falar de xestión caótica no Concello.
-Só hai que ver a resposta que tivo polos principais departamentos desta casa, que evidentemente non compartían o informe, que pon e que pon e ninguén o pode discutir. Pero como xa dixen varias veces ela mesma desmentiu que iso fora o que ela quería dicir, pero insiste en que vai aclarar o informe. O que é certo que na última parte do ano no Concello hai que pechar tantos temas que hai que establecer prioridades pero a situación non chega a ser caótica. Servizos tan importantes como Urbanismo ou Secretaría e Contratación están dicindo que non é así. Estiven falando estes días co alcalde de Caldas de Reis, lugar onde traballou a actual interventora, e xa me advertía que era unha persoa que a veces utilizaba unha linguaxe que non quería expresaba exactamente o que quería dicir. O día que vin o informe levei un serio desgusto e algúns o aproveitaron para facer política, como seguramente tentaría habelo aproveitado eu, pero a realidade é ben outra e a postura do resto dos departamentos o deixou ben nítido.
-En que momento está a relación entre goberno e oposición?
-Vai por épocas. Eu insisto que sempre dixen que me ía a portar co PP da maneira que eles se portasen comigo e nesta tempada estiveron azuzando con diferentes cousas, facéndome comparecer por cuestións que eles saben que non levo directamente aínda que son o alcalde e asumo calquera tipo de responsabilidade. Podo contestarlles na mesma liña que eles fan e teño para facelo pero bastante, pero eu quero facer unha política construtiva porque eu me metín na política para traballar polos veciños e non para andar a paus co PP. É a oposición e teñen que tentar recuperar o poder e eu teño que tentar que o traballo e a xestión diaria nos avale para que isto non sexa así, pero é o xogo eterno da política. Pero debo dicir que entre o PP e min hai determinados límites que eu creo que non se sobrepasaron e isto é de agradecer, cuestión que non ocorre coa outra persoa -en alusión indirecta non explícita ao concelleiro non adscrito Juan José Cruz- que si o fixo. A relación no día a día co PP e sobre todo con algúns dos seus concelleiros é bastante normal, e co propio Crespo Iglesias.
-Houbo poucos acordos coa oposición para sacar adiante proxectos a pesares de non ter maioría absoluta o goberno.
-Eu creo que houbo bastantes. O ano pasado sacamos máis dun millón de euros en acordos en diferentes investimentos e isto é o fundamental xa que ao final melloras temas para os veciños. Nunca considerei a posibilidade dunha gran coalición como está a acontecer en Alemaña unha vez máis, ou cando Pepe Crespo falaba no anterior mandato dun goberno de concentración. Creo que sempre está ben que haxa oposición que fiscalice ao goberno, pero insisto en que chegamos a entendemento en temas fundamentais aínda que tamén poderíamos facelos en temas como os orzamentos e non retrasar que entrasen en vigor, porque agora cando estean as liquidacións veremos que hai partidas sen executar por cuestión de tempo material.
Di que pacto de goberno non vai a rachar antes de maio do 2019
Respecto ao pacto de goberno CxL-PSOE-APAC-BNG, de integración como defenden denominalo, «segue como o primeiro día e eu creo que é unha evidencia. Moita xente dicía que habería problemas, pero é evidente que non existiron. Son un pouco punto de unión entre todos eles, con todos teño boa relación persoal e tamén política, nun traballo sen demasiado esforzo tampouco porque son xente intelixente e saben para o que estamos no goberno. Fronte a algúns augures da devastación e do fin do mundo, estamos demostrando que nos levamos moi ben e nos coordinamos moi ben traballando». E aguantará ata o final do mandato en maio do 2019 sen que as siglas poidan xerar problemas: «Coas cúpulas de todos os partidos teño unha excelente relación e non creo que por aí xurdan friccións. Se teñen que dar circunstancias moi raras como para que se rompa o que estivemos soldando durante case tres anos».
Para o rexedor, o grado de cumprimento do programa de goberno está «na liña esperada. Repasaba nestes días cos compañeiros de CxL como estaban as cousas do que dicíamos e o que propuñamos e estamos en vías de facelo. Este ano e medio vai a haber moito investimento aínda que sempre quedará algo por facer e para min será frustrante, pero sempre dixen que tiña un proxecto a oito anos e non máis, cun primeiro mandato da política das cousas do día a día e un segundo de marcar a liña, con moita modestia pero con moita ambición, do que debería ser o Lalín para os seguintes dez anos».
«Creo que no tema do ENIL e as alegacións cometemos erros»
O rexedor destaca a boa saúde económica do Concello e as expectativas que xera o programa Edusi
Rafael Cuíña responde sen dubidar a calquera pregunta. E gaña nas distancias cortas co paso do tempo. Velocidade para atopar a contestación, tamén cando pides exame de conciencia. E di que as municipais do 2019 están aínda moi lonxe.
-Como están as relacións coas outras Administracións?
-Coa Deputación son excelentes e coa Xunta depende do departamento. Do presidente da Xunta só podo falar ben a todos os niveis, non teño ningún tipo de queixa, e de Alfonso Rueda exactamente o mesmo e iso que é o presidente provincial do Partido Popular. Dos conselleiros hai evidentemente algúns para os que non existe Lalín, como Ordenación do Territorio e o de Sanidade, que ningunea absolutamente a Lalín. Isto é triste. Hai que gobernar para todos e non só en función das siglas que me parece que fan máis estes.
-Que grado de execución esperan do millonario plan Edusi ata o final do mandato?
-Espero que alto pero os temas de contratación me teñen bastante preocupado. Acabamos de xerar o crédito e este ano as humanizacións estarán feitas, ao mellor no verán pero sen prometer nada nese senso polo tema xa dito. Tamén a zona do Manuel Rivero, Donramiro e Lalín de Arriba, que vai a ser case o primeiro que vamos facer, eu creo que estará feito. Se teñen que dar as cousas moi mal para que non sexa así e son accións absolutamente transformadoras do concepto de vila para Lalín. Moita xente din que non metemos no rural, pero son fondos europeos para desenrolo urbano e moita xente non o acaba de entender e algún analfabeto político busca utilizalo para contar mentiras, ao mellor é que a súa capacidade non da para máis.
-A débeda baixou a 1,2 millóns ao. Como vai a xestión económica do Concello neste mandato?
-Entramos cunha débeda alta, o Concello non estaba en bancarrota pero dende un punto de vista empresarial, estaba nunha situación complicada e agora é unha das mellores empresas de Lalín, a que ten máis caixa, que non nos deixan gastar por certo. Estiven co presidente da Fegamp e alcalde do Barco, Alfredo García, quen comentaba que non tiña ningún tipo de lóxica que os concellos saneados non podamos gastar nos veciños, non o entende ninguén e o que si é certo é que fixemos unha política de xestión económica totalmente exemplar. Entramos en números redondos con 260 euros de débeda por cidadán e agora estamos en 60. Utilizamos os cartos públicos con intelixencia e responsabilidade.
-Lalín segue sen baixar a barreira dos 20.000 habitantes. Un alivio supoño para o goberno.
-O tema do empadroamento é absolutamente clave. A xente non sabe ata que punto é perigoso e malísimo para Lalín baixar de categoría de 20.000. Eu entrei no límite do límite, con xente importante do PP dicíndome que dera por descontado que se vai perder a categoría e non porque o desexaran senón pola tendencia evidente, e estamos en 20.100. Estamos subindo poboación, o que case non pasa en ningún outro concello, nun contexto no que hai 2,5 decesos por cada persoa que nace. Isto posibilita incrementar os ingresos cando, baixando de esas cifras de veciños, que era o normal, teríamos un baixón tremendo e a xente o ten que valorar. Evitamos perder competencias en servizos.
-Detrás pode estar a mellora da economía en xeral e as xestións municipais nese eido.
-Parto dunha vantaxe. O anterior goberno traballou nun contexto de crise fonda, global. Empezamos a gobernar en Lalín ao final da crise pero puxemos os alicerces para ir saíndo. Todos os parámetros económicos en Lalín son mellores que cando entramos no goberno, non o discute ninguén. Se houberamos feito políticas irresponsables, políticas de dilapidación, que fosen contra o comercio local,... Abren comercios, os restaurantes están a rebosar e baixa o paro, creación de empresas. Cando algún fala de desgoberno, eu o que teño que dicir é que ao mellor vimos do período de goberno máis nefasto que tivo a democracia en Lalín en moitos anos, azuzado pola crise económica fonda, a un goberno que está traballando nun contexto de recuperación. Hai movemento en Lalín.
-En calquera xestión pública sempre hai erros de menor o maior calado.
-Creo que no tema do ENIL cometemos erros e as alegacións pero temos como obxectivo preservar a fraga de Casas Vellas. Din que tamén a situación do auditorio municipal pero eu penso que non, xa que ten solución próxima, creo que no mes de abril. Estivemos esperando pola liña de axudas da Xunta que nos anunciaron pero despois non se activou e non tivemos tempo cos nosos cartos a executalo por cuestións de período administrativo. Isto vai a ter solución pronto. Despois hai cuestións meteorolóxicas como que unha riada se leve unha ponte e fan comparecer a un alcalde por iso é cando menos curioso cando hai edificios públicos que nos estamos atopando que están como están. Eu teño onde levalas pero tamén teño onde dalas, que o saiban.
Moita dureza e máis listas nas vindeiras eleccións
Cuíña e CxL situaban fai tempo a esta formación por riba do PP en base ás enquisas. O rexedor di que a situación é a mesma. «Non teño enquisa dende antes do verán, pero non se deu ningunha circunstancia para que iso cambiase. Tamén polo que percibes. Cando as enquisas daban un concelleiro eu percibía outra cousas e o tempo deume a razón. Sigo percibindo o mesmo o máis e sei que teño un alto grado de coñecemento xa no rural e todo suma. E non hai nada para non haber sumado adhesións no casco».
-Xa planifican programa e lista.
-Non. Eu estou falando con xente e hai xente que fala comigo, pero estou centrado ao 200 % na xestión do Concello, que temos moito que sacar e nestes días estamos inmersos na Feira do Cocido. Haberá que falar no verán doutras cousas como eleccións.
-Soña cunha maioría absoluta?
-Non. Espero moita dureza persoal, sen dúbida, e novas listas de xente un tanto perdida. A miña percepción é que iso non é posible neste momento para ninguén. E no caso de tela sempre digo que convidaría aos que están agora mesmo formando goberno comigo porque estou moi contento do traballo que se está facendo, non é un brindis ao sol. Non ter maioría absoluta non é algo necesariamente malo ademais.
-Espera lista de quen fora concelleiro do seu partido e agora non adscrito, Juan José Cruz?
-Con Cruz non perdo un segundo. Haberá listas do Partido de la Justicia e supoño que Ciudadanos intentará facer lista Pero son listas que restarán ao PP e non me preocupan. Vai ser unha batalla dura da que estou convencido de que sairemos exitosos e que se non, sempre digo que a min a política non me obsesiona. Volverei con toda a tranquilidade á actividade privada porque a política non ten que ser unha obsesión, ten que ser vocación de servizo público e acotado no tempo.
«O 90 % da poboación asumiu a peonalización nos fins de semana»
-Peonalizar rúas ao final non atopou tanto rexeitamento da veciñanza.
-O 90 % da poboación asumiu a decisión de peonalizar rúas nos fins de semana, a xente non fixo moito ruído como noutras vilas con iso. Agora ves a moita xente andando por alí con toda a normalidade e imos a mellorar e humanizar rúas con case 400.000 euros. Pero tamén quero dicir que usase como artimaña política afirmar que a xente agora está máis dividida. Eu o que vexo nas redes sociais todos os días é que a xente din o que lle da a real gana e seguramente o goberno anterior estaba máis acostumado a que todo o mundo lle calara e por iso parecía que non había disensión, agora falan dun lado e do outro. É unha demostración de salubridade democrática aínda que a veces non guste a todo mundo.
-Falaba nunha entrevista fai ano e medio de que lle gustaba o 80 % do facía como alcalde. Cambiou a porcentaxe?
-Hai días e días. A actividade como alcalde xera días como hoxe -foi nesta semana a entrevista- estiven nunha das parroquias máis pequenas das que temos en Lalín, en Rodís, e falaban con desesperación do que está facendo o xabarín nos seus cultivos, mirei varias pistas. Cando estou paseando con veciños, con xente moi humilde, e están intentado que entendas porque tes que solucionar esas necesidades, eu son entre aspas feliz con ese tipo de traballo, eu creo que xenético no meu caso. Hai que pisar lama, algo aprendín na miña casa. Pero hai o 20 % que é cando nun pleno atópaste con individuos en plural -pero podía dicilo en singular- que se dedican ao insulto persoal, que faltan ao respecto a túa nai, á memoria do teu pai, á túa familia, con fillos de concelleiros... Lembro un episodio no que non estiven acertado cun concelleiro da oposición, Antonio Rodríguez, e arrepentinme moito. Creo que hai que ter respecto no pleno, pedín desculpas, pero no día a día creo que a relación é correcta pero non poden darse nos plenos insultos nos últimos tempos e non autorizar insultos, traspasando con moito os límites.
-Fala de insultos nos plenos. Irá ao Xulgado por elo?
-Co PP nunca o faría. Creo que estou contestando, entre outras cousas porque nunca se produciu (detrás pode entreverse unha velada referencia ao concelleiro non adscrito).
-Falemos agora da Feira do Cocido, na edición máis galega dos últimos tempos. Foi buscado?
-Claro que si. Dixen na presentación de Treixadura que tiña unha carga moi simbólica a 50 edición, que queríamos retornar un pouco a tradición básica, tras darlle nos pasados anos un toque de modernidade. O ano que ven voltaremos a esa liña. Neste 2018 había que facer un recoñecemento a moitísima xente que estivo traballando dende as primeiras edicións, dende políticos como Licho, Xosé Cuíña, Xosé Crespo,... pero recordar que algúns dicían que con nós o Cocido esmorecía pero levamos dous anos batendo récords en todos os ámbitos. Agora xa din que é un transatlántico que vai só.