Recoñecen á cooperativa Hoxe pola súa publicidade en galego

j. b. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

A queixería lalinense obtivo o galardón no apartado de Internet

10 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Parlamento foi onte escenario da entrega dos XXVI Premios de Publicidade en galego, convocados pola institución de xeito conxunto co Foro Enrique Peinador e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta. Os galardóns recoñecen propostas que inciden na promoción do uso do galego no ámbito da publicidade en cinco categorías: as de radio, televisión, Internet, prensa escrita e proxectos elaborados en centros de formación de futuros profesionais. Entre os premiados deste ano figura a queixería Hoxe de Lalín, no seu caso no ámbito da Rede.

O xerente da firma, Lito Andión, agradeceu no acto o galardón e destacou que estes premios serven para dar maior divulgación ao galego. Tamén incidiu na responsabilidade social dos consumidores, xa que cando adquiren un produto galego e co etiquetaxe nesta lingua están a mercar calidade e a «xerar unha riqueza social sostible, e están a contribuír ao mantemento da economía galega». Tamén lembrou o esforzo de todos os que forman a cooperativa Hoxe, dende traballadores a produtores e outros colaboradores.

Os galardóns recoñeceron accións publicitarias divulgadas en galego durante o 2018. Na entrega de onte participaron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez.