
As actuacións de marionetas chegarán os días 20, 21 e 22 á Praza da Igrexa
17 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Lalín segue apostando polos clásicos coa acollida da vixésima edición de Titirideza, que chega esta fin de semana con tres xornadas e seis espectáculos. As actuacións, que se desenvolverán os días 20, 21 e 22, terán lugar na Praza da Igrexa. A organización e colaboración corre a cargo da empresa cultural Urdime e do Concello de Lalín, coa subvención da Deputación de Pontevedra, a través do plan Concellos..
Os actos que acolle a programación foron presentados onte en Lalín en presenza da concelleira de Cultura, Begoña Blanco, e a representante de Urdime, Emi Candal. A raíz das modificacións realizadas a pasada edición pola crise sanitaria, este ano continuarán apostando por compañías titiriteiras locais e galegas. Blanco apuntou que «principalmente quixemos que houbera xente de Lalín e da zona».
As actuacións poderanse visualizar na Praza da Igrexa, nunha carpa ventilada e aberta polos laterais para garantir a seguridade. As prazas son limitadas, mais non será necesario reservar, xa que a carpa será completada ata encher o aforo. Outra medida que se tomará para asegurar a saúde será a toma de temperatura antes de entrar ao recinto. As familias e convivintes poderán sentarse xuntos durante o espectáculo.
En pasadas edicións, Titirideza desenvolvíase en distintas ubicacións do casco urbano. Coa chegada do covid un único espazo foi designado para as tres xornadas. Emi Candal afirmou que «é moi importante desenvolver unha proposta artística de calidade» e tamén que «a cultura segura é unha das patas fundamentais de calquera programación artística nestos momentos».
As actuacións darán comezo o venres ás 17.30. A Compañía Eléctrica ofrecerá un espectáculo denominado Carabranca, unha peza de narración oral e manipulación de títeres pola igualdade. Ás 20.00 chegará Trécola cunha actuación que rompe cos roles de xénero baixo o título de Gaela quere ser druída.
A xornada do sábado comezará ás 12.00 coa actuación de Soraya Lema e O exército das paxariñas, unha peza que achega un texto de Xela Arias, escritora á que se lle adicaron as Letras Galegas. Esta función titiriteira terá a súa parte musical, xa que as fábulas e contos estarán acompañados de música de acordeón, ukelele, tambor e frauta. Ás 19.00 do sábado será o momento dos monicreques de Kukas con Xan Perillán compra queixo, compra pan, un espectáculo que mestura a pantomima e a maxia.
Para a programación do domingo reproducirán os horarios do sábado. Pola mañá estará a compañía local Fantoches Baj coa Fábula Galénica, un espectáculo interpretado dentro dunha radio antiga inspirado en contos populares. Pechará a xornada Fran Rei co Conto de Barriga verde, unha peza que mestura narración oral, humor e maxia. Este conto está escrito por Avelino González a partir de tres obras de Manuel María: Barriga Verde, Os soños na gaiola e Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela.
Na presentación da actividade a concelleira de Cultura adiantou que proximamente presentarán novas actividades culturais como concertos, monólogos, obras teatrais, actuacións infantís ou de danza. Tamén presentarán as festas de Lalín, que segundo Blanco serán «un pouquiño diferentes», mais adiante irán dando pinceladas, xa que aínda están traballando na súa programación.