Todo volve a funcionar no Val do Asneiro

Manuel Blanco

LALÍN

19 oct 2022 . Actualizado a las 20:39 h.

Como todo traballo feito con cariño, a restauración e as labores de posta a punto dos

muíños de Entre Ríos e a Ponte, que xa tiñamos salvado do seu estado ruinoso no

ano 2002, nos proporcionan a inmensa alegría de comprobar como a contorna

natural biosaudable de Entre Os Ríos, recupera o seu esplendor de antano, co valor

engadido dos novos servizos achegados recentemente polo Museo Casa do Patrón.

As recentes obras de restauración, consolidación e posta en marcha do Muíño de

Entre Ríos, en serio perigo de derrube pola acción subterránea das augas, que levaba

preto de 20 anos sen funcionar, acometida pola Casa do Patrón, que superaron os

7000 euros, invertidos en proxecto, permisos e obras de consolidación e restauración

exterior e interior de paredes, arranxo e reposición da maquinaria interna do muíño

(pechadoiro e rodicio) e limpeza de canles, 4755 dos cales serán aportados pola

Deputación de Pontevedra, a través da súa liña de axudas ao Patrimonio Marítimofluvial da provincia, así como a limpeza das presas e de ámbolos dous, as labores de

mantemento realizadas no Muíño da Ponte, e acondicionamento das pontellas de

entrada ao recinto, permitirán que os muíños, por unha banda continúen realizando

as súas labores de moenda tradicional dos “herdeiros” copropietarios dos mesmos,

aos que agradecemos a súa boa disposición e colaboración nos traballos executados,

e sobre todo a súa musealización, para ser utilizalos nas múltiples demostracións da

moenda tradicional en muíño de río para os numerosos colexios e visitantes do

Museo que nos solicitan esta actividade.

Contemplando este fermoso e singular conxunto, un decátase de que conta con dous

muíños ben restaurados, en perfecto estado de funcionamento, coas súas presas de

acceso e saída de auga cheas e ben limpas, a choiva caendo mansamente sobre as

copas das variadas árbores (ameneiros, bidueiros, carballos, e freixos), que contribúe

dun xeito decisivo a que o Asneiro vaia acadando a normalidade do seu caudal,

despois da intensa seca estival, así como a que a natureza agrome por todas partes,

as mesas e bancos de pedra e madeira listas para utilizar por veciños e visitantes, a

ruta homologada PR-G210, que transcorre a carón do río, atravesando este parque

natural, un miradoiro con fermosas panorámicas sobre o Pozo Negro, o aparcadoiro

de Os Muíños e todos os servizos necesarios para gozar dos elementos máis

auténticos da Galicia enxebre e profunda.

En definitiva, un verdadeiro paraíso no que paga a pena vivir, coa firme convicción de

que todo este traballo resulta necesario para manter vivo este inmenso patrimonio

natural que con tanto esforzo nos transmitiron os nosos antepasados, do que

podemos e debemos sentirnos ben orgullosos.