Tecendo unha saída

Tamara Jiménez

LALÍN

22 nov 2022 . Actualizado a las 12:10 h.

CARTA GAÑADORA DO CERTAME DILLO A QUEN MALTRATA DO CONCELLO DE LALÍN

Pasaba a vida gardando fíos, ben agochados na súa gaiola,

para poder fuxir algún día, tecendo un campo de amapolas.

Así tecía e tecía cando chegaba o luscofusco,

con fíos de moitas cores, que esvaecían o seu carácter brusco.

E tecía, paseniño, con andares de tartaruga,

tecía un saco de forzas, para acompañar a súa fuga.

Mentres tecía inventaba fermosas vidas futuras,

nas que a violencia non anubraba, a súa mirada chea de tristura.

Tecendo, a súa mente viaxaba ata o intre do serán,

cando na porta soaba a melodía, que precedía a erupción do volcán.

Medio século priosioneira no seu propio fogar,

levoulle a procurar a maneira de vivir sen afogar

Vivir unha vida tranquila era seu maior devezo,

sen medo, bágoas nin berros, máis para iso precisaba un comezo.

Lembranzas de tempos pasados, nas que seus ollos eran luz de faro

facíanlle voar por intres, coma se tivera ás de paxaro.

E así chegou un día no que xa non podía máis,

e cavilou tecer unhas ás, para non voltar xamais.

Comezou pouquiño a pouco, non foi traballo doado,

máis estaba xa farta dese amor de refugallo.

Tiña moitas cicatrices que precisaba ganduxar,

se quería con forza, ata un novo amencer voar.

Chegou o derradeiro inverno, coas plantas cubertas de orballo,

os golpes cheiraban a alcol, sendo a sorte seu mellor agasallo.

Coa mirada tinguida en morado camiñou polo bosque senlleira,

até atopar unha porta alén, onde xa non había barreiras.