Paco Vilariño: «Temos un proxecto cheo de ilusión e o mellor equipo»

La Voz

LALÍN

O candidato nacionalista carga contra a situación económica xerada neste mandato e avoga por un Pacto Local para o Rural

21 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Paco Vilariño Taboada (Lalín, 1975) é técnico tributario e comezou na política con só quince anos, asistindo a unha xuntanza no local do BNG na que estaba Bieito Lobeira e saíu sendo responsable de Galiza Nova en Lalín. É portavoz municipal do BNG nos últimos mandatos.

—Como valora a situación política actual?

—Logo de 4 anos de mandato do PP Lalín está nunha auténtica situación de emerxencia. Temos un goberno irresponsable e incompetente que gastou 150 millóns de euros e non sabemos en qué. Temos un goberno que se ten convertido nunha inmobiliaria para os seus amigos. Sufrimos un goberno local que cala sistematicamente diante dos recortes sanitarios, que están poñendo en perigo a saúde e a vida dos veciños.

—Que destacaría do mandato?

—Destacaría coma negativo e nefasto para Lalín o feito de termos sufrido un goberno que derrochou os 6 millóns que atopou na caixa e nos endebedou a maiores en 11 millóns sen facer absolutamente nada para o beneficio dos veciños. En fronte, este goberno irresponsable tivo un traballo inxente do BNG para defender aos veciños das cacicadas de Crespo.

—As listas baixaron de oito a catro. A quen beneficia?

—Eu penso que neste caso non se trata de cantidade, senón de calidade. O BNG de Lalín concorre a estas eleccións cun potente equipo de xente traballadora, con ilusión e gañas e cun gran sentido do servizo público.

—Cal é o obxectivo de CxL para o 28M?

—O BNG de Lalín presenta a estas eleccións do 28 de maio un proxecto gañador, ambicioso e cheo de ilusión. Non nos poñemos teito, sabemos que o BNG vai a ser a forza que máis medre nestas eleccións e queremos que Lalín teña o goberno que merece, un goberno do BNG.

—Ve factible un pacto do resto de forzas se o PP perde a maioría absoluta?

—O BNG de Lalín preséntase a estas eleccións municipais co mellor equipo e o mellor programa para gobernar Lalín os vindeiros catro anos. O nacionalismo galego ten traballado arreo polo noso concello, dende o goberno e dende a oposición, temos experiencia, xente moi preparada e políticas concretas para devolverlle o concello de Lalín á xente.

—Houbo moita renovación na súa lista?

—Máis do 5 cen votos.

—Cales son as súas propostas principais?

—Temos deseñado un completo programa de goberno que abrangue todas as áreas e as demandas da veciñanza logo de 4 anos de padecer un goberno do PP sen iniciativa. Dende o BNG temos ofrecido ao resto de forzas un Pacto Local polo Rural, sacándoo mesmo da contenda electoral, para rematar coas desigualdades que sofren a diario máis de 9.000 veciños e veciñas. O interese do resto dos partidos por igualar a todos os veciños vivan onde vivan foi 0. Pero o BNG vai levar a cabo un pacto co que como mínimo o 55 % do orzamentos nos vindeiros oito anos será para o rural. Ademais temos feito bandeira da loita contra a sanidade pública que padecemos os lalinenses.

—E a nivel de emprego e economía?

—O PP leva catro anos co Polígono parado, sen demandar nin ofrecer incentivos para a instalación de novas empresas. No BNG sabemos que a nosa industria é un dos motores do desenvolvemento local.

Estou moi preocupado porque a nefasta xestión e o despilfarro do PP teñen as arcas municipais case na bancarrota. De todos modos xa saneamos unha vez as desfeitas do PP na caixa común do Concello de Lalín e voltaremos a facelo.

—Escolla o seu proxecto estrela.

—Temos un programa redondo pensado para o noso concello con políticas transversais relacionadas co rural, os servizos, o feminismo, o medio ambiente e a mocidade, que fan do conxunto un deseño completo das políticas que Lalín precisa para o futuro, co vimbio común das visións sociais que van a impregnar todas e cada unha das nosas actuacións.