«Entrei para traballar pola parroquia no 1979, e intento seguir facéndoo»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel souto

Séntese orgulloso das melloras feitas, e da xente moza que non marcha

05 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

José Hermida Granja non lembra con exactitude o día que foi nomeado pedáneo da parroquia de Parada de Alperiz (Lalín), pero si que «foi con Xosé Cuíña, cando foi nomeado alcalde alá polo ano 1979». Pasaron dende entón 45 anos e continúa no cargo, converténdose no pedáneo decano dun dos 52 núcleos parroquiais que posúe o municipio de Lalín.

—Como optou ao cargo?

—Éche un cargo que non quere todo o mundo. Será polo soldo que temos (ri), pero estou moi contento sendo pedáneo da miña parroquia e penso que os veciños de aquí tamén o están. Foron eles os que me elixiron, e entrei coa idea de traballar pola parroquia, e intento seguir facéndoo aínda que pasaron ben anos dende o ano 1979.

—Como era Parada de Alperiz ao comezos dos anos oitenta?

—Pois entendo que como todas as parroquias con camiños vellos e cheos de lama. Había lameiras en todos os sitios, chegar dun lugar a outro era moi difícil, non había servizos... Aquelas congostras fondas e escuras, que moitos novos nin sequera coñeceron... Recordo que unha das primeiras cousas que fixo o alcalde Xosé Cuíña polas parroquias foi precisamente empezar a sacar a lama dos camiños, e empezou a mandar botar cemento. Claro que hoxe vemos as pistas e os camiños asfaltados e é algo normal, pero daquela cando comezou a chegar o formigón era toda unha novidade. Nunca se vira tal cousa. E cando xa se podía ir polo camiño sen que che chegara a lama por encima do zoco ou da bota, foi unha cousa moi boa.

—A súa parroquia é das que vai mantendo a maioría das casas habitadas?

—Parada de Alperiz non é das máis despoboadas. Tampouco non somos tantos como antes. Creo que nove ou dez casas están con xente, algunha pechada hai pero non moitas.

—As granxas marcan a paisaxe de parte das nosas aldeas, na súa tamén?

—Antes todos tiñamos unha explotación, con máis ou menos vacas e hoxe non. Antes, un tiña 7 ou 8 vacas, outros 16 e outros 60... Agora en toda a parroquia só quedan tres, pero son de grandes dimensións. A cousa cambiou moitos: menos granxas e de maior tamaño.

—A mocidade quédase na aldea?

—En moitas aldeas os rapaces marchan, e aquí algún tamén, pero temos 15 mozos con idades de entre 20 e 40 anos que traballan en empresas de Lalín pero viven aquí, ou están ao fronte dunha granxa... Temos bastante xente moza e é un orgullo que se queden na aldea, e non vexamos máis casas pechadas que é unha pena.

—Falaba da lama que se quitou dos camiños e das congostras, pero que lle piden agora os veciños ao pedáneo?

—Algo de todo (ri). Mira fai uns días presentei os papeis no concello para pedir o saneamento na parroquia. É o que piden os veciños como necesidade máis urxente, bueno tamén amañar algún camiño ao que lle viría ben algunha volta... pero somos conscientes de que somos moitas parroquias, todos a pedir e non se dá feito todo nun día.

—Como se mantén un nun cargo ao longo de case cincuenta anos?

—Sabía que levaba moitos anos pero non fixera a conta de que eran tantos (ri). Pois mira, nunca tiven un problema cun veciño e sempre que me pediron algo intentei levar o tema ao concello para que se lle buscara unha solución. De feito esta vez que se abriu o prazo para anotarse para a elección de pedáneo, aquí xa ninguén se plantexou outro nome que non fose o meu. Será que están contentos (ri), eu tamén o estou, e mentres a saúde me permita seguir e os veciños queiran, aquí me terán para o que precisen. O que fago, fágoo pola parroquia e non polo que cobre un pedáneo (ri), que ás veces poño eu cartos do meu peto.