Grazas, pobo de Lalín

Carmen Lareo TRIBUNA ABERTA

LALÍN

07 abr 2024 . Actualizado a las 21:24 h.

Sei que esta carta en forma de agradecemento pode parecer que chega tarde, xa que foi fai quince días cando o pobo de Lalín agasallou a Paco Lareo dándolle o seu nome a un Parque no seu casco urbano, pero precisaba de tempo para asimilar tal mostra de cariño e todos os parabéns recibidos tanto o pasado sábado 23 coma os días previos e seguintes por parte de amigos, artistas, políticos, veciños, etc,… non foi fácil aparcar por uns minutos a emoción vivida para poñerse diante dun papel e buscar o xeito de dar as grazas.

Grazas de verdade e de todo corazón no nome meu como irmá, e no nome da Solaina como filla eterna de Paco. Grazas a toda a corporación municipal de Lalín por decidir de xeito unánime que Paco tivera ese espazo na súa segunda casa, é un orgullo. Como dixen no meu discurso no día da inauguración, Paco tiña unha militancia por encima de todo, promover a cultura no rural e que iso se entendera por todas as sensibilidades políticas é o mellor dos recordos que se lle pode facer.

Grazas ao alcalde Crespo, non só por promover esta idea, senón por ser un amigo dos que se molla cando fai falta, que non abundan. Grazas ao conselleiro Román Rodríguez por saber transmitirme a min e aos meus que estea onde estea sempre vai loitar pola defensa do legado de Paco Lareo. Grazas a Valentín García, díxeno o 23 e o volvo dicir, a miúdo é un pano de bágoas e de consolo para min, e moito mais a miúdo aínda un motor para sempre mirar adiante.

Tería que nomear a moitas mais persoas nesta carta, a Paío, a Porral, ao Vila, pero sei que me quedaría curta e con xente no olvido, co cal o meu último e mais sincero agradecemento quero que sexa ao pobo de Lalín. Grazas por todo, por seren xente que honra aos seus, non dubidedes nin por un segundo de que Paco sempre se sentiu así, como un lalinense nado en Cruces.

Non me cabe dúbida algunha de que nas visitas que a alma de Paco faga a miúdo a este reino dos vivos dende o reino dos que descansan (seguramente el non falaría da morte), haberá dúas paradas obrigatorias, a súa Solaina e este Parque Paco Lareo, onde poderá tamén ollar como loce unha das súas creacións. Grazas.

* Carmen Lareo Morao, presidenta da Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño