A Banda de Lalín e Cupeiro, no espectáculo de As Dores

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

MIGUEL SOUTO

A agrupación organiza este sábado a súa tradicional romaría

03 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Xuntarse músicos, socios, familiares e amigos é a finalidade da Romaría da Banda de Lalín, que este sábado volta ao seu anual encontro no Parque de Chascomús, ao carón do Auditorio Municipal. «Un día de lecer e de compartir todos os que facemos piña coa banda», explica o presidente da formación Antón Batán. Lembra que hoxe remata o prazo para os que queiran acompañalos no xantar sabatino, «é para o único en que hai que retirar tarxeta, todo o resto está aberto ao público en xeral que pode acompañarnos no momento en que o desexe». O programa, semellante a edicións anteriores, abrirase cos concertos das tres bandas lalinenses; infantil, xuvenil e a dos maiores que levaba cinco anos sen tocar neste encontro familiar. Posteriormente haberá sesión vermú con animación musical a cargo de Pachi Show, para seguidamente dar paso ao xantar. «Á tarde temos previsto celebrar xogos para os rapaces, de cuxa realización se fará cargo Eduvía, logo os que queiran poderán xogar ao tute, levaremos a cabo algúns sorteos e poderanse botar uns bailes con Pachi Show».

Unha Romaría da Banda que apertura a programación da agrupación lalinense neste mes de xullo á que lle seguirá o concerto do próximo día 18 na Praza da Igrexa dentro do programa do Galicia Clarinet Fest, que se presentará oficialmente este venres, ademais de ofrecer concertos en festas parroquiais como as de Goiás ou as do Montserrat, en Donramiro.

Outra das citas que xa ten en carteira a Banda de Lalín é o concerto ao mediodía, e posterior espectáculo nocturno do domingo das festas de As Dores, no que xa está traballando. Nesta ocasión o músico e luthier Abraham Cupeiro e a Banda de Lalín interpretarán Pangea, unha obra que é toda unha viaxe sonora que percorre os cinco continentes, e que se poderá disfrutar na Praza de Loriga como ven sendo habitual nos últimos anos. «Esta obra xa a fixemos con anterioridade, foi no medio da pandemia, é só puideran asistir unhas 200 persoas. Pensamos que era unha mágoa que só uns poucos puideran disfrutar dela e por iso apostamos por repetila sen restrición de aforo», explicou Batán. Abraham Cupeiro, afamado músico nado en Sarria, foi alumno do Conservatorio de Música de Lalín polo que mantén lazos de amizade coa formación, e regresará á vila cun dos seus traballos máis coñecidos e recoñecidos. «Pangea é un percorrido por diferentes culturas musicais do mundo, no que Abraham, ben coñecido pola súa peculiaridade á hora de tocar instrumentos, o fai de maneira maxistral e escollendo instrumental de varios países... Escoitalo é sempre unha marabilla e entendemos que será un gran espectáculo», augura o presidente da formación lalinense.