Queixas dos veciños do rural da zona pola demora na recepción da correspondencia
LALÍN
Mentres os carteiros concéntranse pola falta de persoal
01 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A tardanza na recepción da correspondencia está levantando queixas entre veciños do rural da zona, que manifestan estar notando nos últimos tempos un deterioro no servizo postal. «Aos buzóns só chega o que se entende que é urxente, as cartas das entidades bancarias, os recibos da luz, do lixo e da auga e a propaganda electoral cando é o tempo de eleccións que aí nunca falta, pero hai correspondencia que vén con atraso dunha semana ou quince días e que é moi importante como poden ser os avisos para acudir a determinados organismos que teñen unha data fixa para realizar o trámite oportuno», comenta un afectado.
Recoñece con todo que os carteiros intentan priorizar a entrega de cartas sensibles como as procedentes, por exemplo dos hospitais, «pero no meu caso tiña oito días para facer a xestión dunha finca e a carta chegoume fóra de prazo. A quen lle explico agora iso», pregunta unha veciña.
Unha situación de atrasos en certa correspondencia, como citas para o Servizo Público de Emprego, que se vén repetindo en aldeas dos termos municipais de Lalín, Rodeiro e Dozón, e que suscita o malestar da veciñanza. «Os carteiros dinnos que son poucos efectivos para tantas aldeas e que non conseguen chegar a todos os lados pola dispersión xeográfica que hai, que fan unha escolla do máis urxente, pero claro hai cartas que quedan atrás e cando as meten os buzóns xa pasaron os prazos», insiste un afectado que reivindica que se solucione o problema que padecen moitos veciños da zona.
A falta de persoal na cartería de Lalín esgrimida meses atrás polos traballadores levounos a iniciar unha serie de concentracións, comezadas no pasado mes de xaneiro e que manteñen na actualidade. A última foi a celebrada o pasado 23 de setembro en Compostela, na que os carteiros de Lalín denunciaron novamente a destrución do emprego e a falta de persoal que redunda, según apuntaron, nunha sobrecarga nos traballadores en activo. Persoal da cartería de Lalín alertaba da intención de suprimir definitivamente as catro vacantes que asumen dende hai meses na unidade, e anunciaba a súa intención de seguir protagonizando actos reivindicativos. De feito o próximo xoves, 3 de outubro, coincidindo coa celebración da feira en Lalín persoal da cartería lalinense ten previsto celebrar unha nova concentración ao mediodía na zona de baixada ao campo da feira.