Antón Batán, presidenta da Banda de Lalín: «Convocamos eleccións para xaneiro buscando mudar o estancamento»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

E CUIÑA

A formación ten aberto o prazo de presentación de candidaturas

21 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Banda de Música de Lalín goza de boa saúde, conta cun interesante grupo de músicos, un director apreciado, actividades variadas e unha economía razoablemente satisfactoria; «aínda que podería ser mellor», según puntualiza o presidente da asociación musical, Antón Batán. A pesar de todo iso, os integrantes da xunta directiva decidiron nunha recente xuntanza, por unanimidade, convocar eleccións para renovar o equipo ao fronte da banda. Celebraranse no próximo mes de xaneiro.

—A que atende esta convocatoria de eleccións, cando semella que non hai problemas, alomenos aparentemente.

—Temos músicos, director e ideas pero non hai esa chispa de alegría, de ganas de traballar. O noso problema é que non somos quen de dar coa tecla para saber que hai que cambiar para mudar o estancamento, e por iso convocamos eleccións para o mes de xaneiro.

—Unha decisión tomada na asemblea extraordinaria celebrada recentemente?

—Así foi. Somos nove membros na xunta directiva, e por unanimidade acordamos facer dita convocatoria. Levamos unha etapa na que parece que o noso traballo está estancado, a pesar de que nos esforzamos en buscar novas iniciativas como os concertos especiais que viñemos facendo nas festas patronais de As Dores, outras actuacións,... Entendemos que, ao mellor, se veñen outras persoas á directiva con ideas renovadas e sangue nova, pode cambiar esa situación da que falaba. Sería bo pola propia saúde da asociación.

—Nesa situación de estancamento e de desacougo, ten algo que ver a directiva da asociación que preside?

—Entendo que non é pola directiva. Claramente que non nos sentimos culpables de nada máis que traballar, o mellor que sabemos, pero pensamos en dar un paso ao lado para que alguén lle veña dar un pulo á agrupación. Non queremos ser os culpables do estancamento que estamos notando.

—Como queda a asociación musical lalinense ata a celebración de eleccións?

—O feito de que se convoquen as eleccións non significa que vaiamos deixar a asociación desatendida. Ata o vindeiro mes de xaneiro mantémonos nos cargos, e seguiremos traballando, despois xa veremos... Poden pasar moitas cousas, pero esperemos que todas sexan positivas.

—Quedan un par de meses antes de saber como quedará a nova directiva, pero xa se perfilan opcións ou algún nome?

—Polo de agora non sei de ninguén que se mostrara interesado, e tampouco se puxo en contacto comigo ninguén. Ogallá que haxa quen se poña á fronte.

—Cantos músicos aglutinan as bandas e a escola?

—Na banda sénior somos uns 75 músicos, a xuvenil conta cuns 60 e na escola de música hai un cento de alumnos agora mesmo.

—Dentro da programación xa pechada está unha das citas anuais e agardadas, o Concerto de Santa Icía.

—É un día especial para nós, sendo a celebración da patroa. O concerto terémolo este sábado, 23 de novembro, na Sala Tuno Valdés ás 12.30 horas. Puxémolo a esa hora, ao igual que fixemos os dous anos anteriores, para poder gozar da xornada todos xuntos participando nun xantar de confraternidade despois do concerto. Ao ser ao mediodía os máis cativos da banda poden asistir sen problema, ao non meternos en horarios intempestivos para eles. A verdade é que é un formato que parece que funciona.

—Repertorio entón tamén especial, como merece a ocasión?

—Digamos que o repertorio vai na nosa liña, con música festiva. Imos recuperar, por exemplo, unha peza titulada Capricho Español que aparecía no segundo cedé que gravou a Banda de Música de Lalín no ano 1994. Creo que as pezas escollidas serán do gusto do público.