A historia de Pinocho, novo espectáculo no Nadal, da Banda de Música de Vilatuxe

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

CEDIDA

24 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A falta de espazo levou á Banda de Música de Vilatuxe (Lalín) a trocar no ano 2020 o seu auditorio polo Lalín Arena para acoller o seu festival de Nadal, que repite escenario este mércores. O que muda é o espectáculo que se representará, que nesta edición recreará a historia de Pinocho; «unha adaptación que se fixo entre a real e a versión de Disney, na que comezou a traballar o director Víctor Vilariño no pasado mes de agosto», explica o presidente da formación José González.

Un espectáculo de gran formato que reunirá a 130 persoas encima do escenario; a banda de música ao completo, o coro dos nenos da Escola de Música, ademais de contar coa participación de Anxo García, Cristina Collazo e os actores Félix Rodríguez e María Domínguez, e para o que restan tan só un pequeno puñado de entradas dispoñibles. «É incrible a cantidade de xente que ven a este concerto especial de Nadal, entre ela moitos mozos. A xente tiña o concepto errado de que a banda só toca pezas musicais, pero comprobouse que non é así, e que se poden facer moitas máis cousas. Unha banda é moi versátil».

Unha posta en escena, decorados e diálogos dos que se encargaron os músicos da Banda de Música de Vilatuxe e numerosos pais de alumnos, puntualiza José González, que agradeceu a implicación de todos eles. «A pasada fin de semana traballamos todos arreo».

O concerto comezará ás 20 horas, con apertura de portas no Lalín Arena ás 19.15 horas.