Raquel González leva cinco anos organizando o acto en Gresande
16 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A devoción que di ter por San Antón e polos animais levou á pedánea de Gresande (Lalín), Raquel González, en organizar unha bendición de mascotas con motivo do día do seu patrón. Unha iniciativa que arrancou con algunha incerteza por parte da veciñanza da parroquia lalinense, recoñece a organizadora, pero que na actualidade agarda a celebración que terá lugar este vindeiro domingo.
«Na miña parroquia non había tradición de facer o San Antón Abad e bendicir os animais, ao contrario doutros sitios como Lalín de Arriba, entón era normal que se mirase case isto como unha misa máis, pero imos celebrar a quinta edición e as cousas xa cambiaron co paso das edicións», apuntou. O respecto polos animais de compañía, que medrou co paso dos anos, pode agocharse detrás do interese que amosan veciños e persoas en xeral pola próxima celebración. «As mascotas forman parte das nosas familias. Penso que son poucas as casas que non contan con algún animal de compañía. Eu vexo a nivel da miña parroquia que se valoran moito máis os pequenos animais e que todo o mundo procura telos nas mellores condicións posibles. Son moitos tamén os rapaces que teñen unha mascota».
Razóns suficientes para que este domingo se espere unha nutrida representación de veciños e visitantes na misa que comezará ás 16 horas na igrexa parroquial de Gresande, que oficiará o párroco José Katanga, á que lle seguirá a procesión e posterior bendición de animais e entrega de chapas protectoras para todas as mascotas asistentes. «Son unhas chapas de cores que damos de regalo para as mascotas, para que San Antón as protexa ao longo de todo o ano, e das que entregamos 80 exemplares no pasado exercicio», explica Raquel. Oitenta chapiñas que foron parar aos pescozos de cans e gatos, «pero tamén viñeron paxariños, cabalos e a miña burriña», puntualiza a organizadora. Mascotas levadas polos seus donos ata Gresande desde distintos puntos do municipio de Lalín, pero tamén da zona de Vila de Cruces e mesmo desde Vigo. Unha parella de vigueses que acudiu co seu can dende a cidade olívica que xa se comunicou coa organizadora, segundo avanzou ela mesma, para saber a data e a hora da celebración. Un matrimonio vigués que ten a intención de estar de novo este domingo en Gresande, «e posiblemente con algún amigo máis». Na intención de González está manter a bendición de animais na festividade de San Antón Abad ata «que Deus me de saúde para seguir facéndoo».
Un evento que busca recuperar tradicións e unir á parroquia, explica esta dinamizadora do rural, que xa está rematando a organización doutra actividade moi concorrida como é o serán, que terá lugar o vindeiro 12 de abril, e reunirá novamente na parroquia a numerosas agrupacións da contorna.