«O primeiro contacto coa pornografía sitúase nos oito anos»

AMELIA FERREIROA LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

04 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O impacto do consumo de pornografía en adolescentes centrou o vieiro da conferencia que impartiu onte a educadora social e axente de igualdade Lucía Pereda. Unha charla que estaba organizada por InteRed e Cooperación Galega, en colaboración co Concello de Lalín, e que contou cun nutrido grupo de persoas interesadas en saber máis sobre o consumo de pornografía por parte dos rapaces, e o xeito en que lles repercute no seu desenrolo.

A educadora social foi moi clara na súa exposición asegurando que o primeiro contacto coa pornografía se sitúa nos 8 anos, segundo os datos publicados por Save The Children, «pode ser a través de contactos accidentais ou por un rapaz menor, pero algo maior que o de 8 anos, pero xa hai un primeiro impacto de carácter pornográfico». O mesmo informe asevera que os rapaces con 12 anos consumen pornografía de forma regular, explicou Pereda. Unha realidade palpable, real e comprobada á que, en moitos casos, a familia se resiste a admitir. De feito Lucía Pereda cifrou nun 90 % a porcentaxe de familias que pensan que os seus fillos non son consumidores de pornografía. «Os proxenitores impáctanse ante os datos. Pensan que os seus fillos non consumen pornografía, pero ante as evidencias, logo amósanse obviamente preocupados polo tema».

As consecuencias do consumo de pornografía en idades cada vez máis temperás son graves. Afectan en distintos ámbitos, dixo a educadora social, «o primeiro ao papel na relación sexual e que o pracer masculino está no centro de todo. As nenas aprenden a ser sumisas e que o pracer do home está por encima delas mesmas».

Pero, como abordar cos fillos o consumo de pornografía? Unha pregunta reiterada que precisa dalgunha estratexia, recomendou. «Estamos ante un tema moi profundo polo que non é unha cuestión para abordar un martes pola tarde sentados na mesa... Iso xeraría unha falta de comunicación absoluta. Temos que abordar o tema a partir de cuestións cotiás: unha noticia, unha imaxe que conleve violencia sexual, unha canción que fai apoloxía da violencia sexual... algo que nos permite introducirnos no tema do mellor xeito posible». Pautas de actuación que posiblemente sexa preciso seguir tratando, «o impacto da pornografía é tan amplo que hai que falar moito disto».