
O futuro político do coordinador de CxL crea moita expectación
12 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O futuro político de Rafael Cuíña segue creando expectación entre a veciñanza da capital comarcal. Unha cuestión pola se lle preguntou onte no programa Voces de Deza, de Radio Voz, á que seguiu respondendo con evasivas e metáforas. Do que está convencido, alomenos na actualidade, é das escasas probabilidades de repetir ao fronte de Compromiso por Lalín nas próximas eleccións municipais.
«Non me vexo sendo candidato de novo, o corpo non mo pide nestes momentos», asegurou. Onde o político lalinense non aportou tanta claridade é sobre o vieiro que seguirá políticamente falando. «Hai determinadas cousas que, para que saian como un quere, un ten que ser discreto, apuntalar as posibilidades que hai e, as decisións que tomes, argumentalas e que sexan en beneficio de Lalín e, se poder ser de Galicia, perfecto. A xente é intelixente e sabe o que se está cocendo, pero ten que haber os suficientes condimentos para que sexan os necesarios, que o prato sexa apetecible, e non para un, senón para a xente entenda que ese cocido é apetecible», argumentou.
Por outra parte o político lalinense valorou positivamente o anuncio de que as bonificacións da AP-53 serán efectivas no próximo mes de marzo, unha vez o aprobe o Consello de Ministros, independentemente de quen faga o anuncio; «o importante é que se faga. Hai que rebaixar a peaxe, pero é bo que exista esa autopista ao ser fundamental para conectar coas grandes vilas galegas e co resto de España. Uns fixeron esa autoestrada e agora hai que loitar para que sexa o máis asequible posible, despois que veña BNG e PSOE intentar anotarse un tanto xa o deixo para eles, mentres os usuarios e os empresarios o poidamos notar nos petos».
A posibilidade de poñer en marcha unha zona de aceleración empresarial (Zapes) en Lalín lonxe está de materializarse, segundo Cuíña, ao avanzar que o proxecto está verde e que o encontro convocado polo alcalde José Crespo con empresarios locais foi tan só unha primeira toma de contacto. «Non hai referencia concreta de prezo. Falábase de 100 euros o metros cadrado, cifra claramente inaccesible. Veremos como avanza todo isto, pero quedou claro que ten que ir coordinado coa 4ª fase do polígono Lalín 2000». O seguinte paso, solicitado polos empresarios asistentes, e ratificado polo alcalde será un encontro coa conselleira de Industria e técnicos do seu gabinete para coñecer máis detalles destes polígonos.
Cuíña encomiou a elección do embaixador de Xapón para pregoar a Feira do Cocido do próximo día 23, que aproveitará para visitar empresas lalinenses na xornada sabatina, «dese xeito poderá coñecer o noso potencial empresarial e turístico ademais do gastronómico. Contamos con empresas locais que teñen máquinas industriais no Xapón, e moitos non o saben».