Cuíña pídelle ao Concello a limpeza dos elementos de xogos infantís do Parque da Igrexa de Lalín

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

12 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O coordinador de Compromiso por Lalín (CxL), Rafael Cuíña, convidou aos concelleiros do goberno local a darse un paseo polo Parque da Vila para comprobar a falta de limpeza que presentan os elementos de xogos infantís existentes na zona, e usados a cotío por moitos nenos. «Isto non pretende ser unha crítica da oposición ao uso, senón unha petición para que vexan a situación de negrura que teñen os elementos e se lle aplique algún tratamento», pediu o político lalinense onte na entrevista quincenal en Radio Voz. Salientou ademais a conveniencia de controlar a limpeza e ornato de todo o casco urbano, máis se cabe nunhas datas en que son moitos os visitantes que chegan a Lalín para disfrutar do cocido. Lembrou tamén Rafael Cuíña que a súa formación levaba no programa electoral emprazar unha ludoteca nas vellas instalacións da piscina, ao carón do pavillón municipal, «que daría este tipo de servizo ás familias, algo que nos parece moi necesario».

Por outra parte a situación de deterioro da Rolda Leste, denunciada recentemente polo BNG, tamén é motivo de preocupación para Cuíña que instou ao goberno a buscar financiamento para poder amañala o antes posible; «e se o concello gasta menos en orquestras poderá facer fronte a isto xunto con algún plan que proceda da Deputación».

Preguntado pola falta de vivendas no municipio que se reflectiu no acordo tomado no pleno extraordinario da pasada semana, por unanimidade das formacións políticas para ceder terreos por parte do concello no Agro de Lalín de Arriba, para que a Xunta constrúa vivendas, recoñeceu a existencia dun fondo problema e prantexou a posibilidade dun encontro entre partes afectadas. «Sería bo que se sentase a falar o concello, a Xunta e os construtores da zona para ver o vieiro a seguir e ter unha folla de ruta clara». Insistiu que para sentar poboación Lalín necesita dispoñer de vivenda, e as 19 que podería construir a Xunta no espazo cedido polo concello, poden non ser suficientes ante a demanda existentes. «Pero a Sareb tamén conta cunhas 150 vivendas na vila que poderían pasar a formar parte do parque de vivenda pública», concluíu.

Por último a humanización de rúas do centro urbano foi outro dos asuntos tratados na entrevista radiofónica, na que cobrou novamente protagonismo a Rúa B cuxa humanización solicitou meses atrás Compromiso por Lalín a través dunha moción ao pleno, que fora aprobada pero que aínda non se amañou como lembrou, «e tamén podería o goberno dar unha volta pola mesma que parece mesmamente unha rúa de finais dos anos 70».