Cuíña tilda de falta de respecto institucional non estar convidados a actos do goberno

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

07 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A cesión por parte do Concello de Lalín dun terreo no Agro de Lalín de Arriba para levantar vivenda en alugueiro, «insuficiente para a demanda que ten o pobo», puntualizou Rafael Cuíña, e cuxa rúbrica escenificouse onte na capital comarcal nun acto presidido polo presidente Rueda, a conselleira María Martínez, os alcaldes de Lalín, A Estrada e Teo suscitou no coordinador de Compromiso por Lalín unha reflexión sobre a cortesía institucional. «É unha falta de respecto institucional non convidar ao resto de grupos da corporación. Cando eu era alcalde acudían como setas os representantes do PP cando viña algún cargo do goberno. Agromaban de xeito sorprendente. Creo que hai que coidar os detalles. Debo dicir que non é moi habitual este tipo de erros, pero pasou hoxe -por onte- e pasou coa visita ao edificio de Carragoso polo que levo loitado moito. Non vou abrir unha guerra, pero o gabinete do alcalde debería de preocuparse máis por estas cuestións».

O xefe da oposición está disposto a aceptar calquera proposta para que se faga o debate sobre o estado do concello, «aínda que estou convencido que algún partido intentará poñer dificultades para que non se faga», afirmou en Radio Voz. Unha entrevista radiofónica na que tamén dixo sentirse preocupado pola despoboación do rural, insistindo sobre a necesidade de contar con todos os servizos para frear o éxodo á vila. «O 70 % dos veciños do rural teñen saneamento, di Crespo, pero se eu levase gobernando máis de 30 anos estou convencido que o tería o 90 %. Non é un dato para sacar peito».

Bolsas de estudos no estranxeiro, para mozos de familias vulnerables

Compromiso por Lalín (CxL) leva ao pleno ordinario deste mes de maio, e por segunda vez, a proposta de creación dun programa municipal de bolsas de estudo no estranxeiro dotado cun orzamento total de 100.000 euros anuais, para mozos e mozas empadroados no municipio pertencentes a familias con rendas baixas. Unhas bolsas para as que se solicitarían colaboracións doutras administracións e entidades co gallo de complementar os recursos destinados ao programa, e facer un seguimento das concesións. Lembrou Cuíña que a súa formación presentou, en febreiro do pasado ano, esta mesma cuestión «que foi aprobada en pleno, pero que non chegou a materializarse. Dixeron que o ían facer, e estamos sen nada. Non é de recibo que en Lalín haxa para traer á París de Noia e á Panorama, que me parece ben, e que non se colabore na formación destes rapaces. A política ten que estar para estas cousas, para ser de utilidade».