«A clave é organizarse e aproveitar o tempo pero tamén puidemos saír de festa»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Rocío Ramos

Selma Carballude, Clara Rodríguez e Lucas Varela, do IES Laxeiro, xunto a Brais Calvo, Álvaro Gómez Moure e María Luyza Ribeiro, do Aller Ulloa, remataron BAC con matrícula de honra

17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Graos e carreiras aparte, se hai un curso especialmente estresante, no que os rapaces se xogan o seu futuro, ese é segundo de BAC. Rematar o Bacharelato con matrícula de honra, é un logro que non está ao alcance de calquera. En Lalín, nos estudos ordinarios, remataron con esta distinción, que supón ter unha media superior á 9, tres alumnos do IES Laxeiro e outros tantos no IES Aller Ulloa. Pola parte do Laxeiro foron Selma Carballude Fernández, Clara Rodríguez González e Lucas Varela Ferradás e polo Aller: Brais Calvo Fernández, Álvaro Gómez Moure e María Luyza Ribeiro Mendes.

Para algúns segundo foi especialmente estresante e para outros «non era tanto como dicían». Enfróntanse agora a ABAU con certo respecto porque este ano mudaron as cousas e as probas e algún augura que iso suporá «unha baixada xeral das notas». No caso destes seis rapaces as súas cualificacións xa lle dan vantaxe. Para obtelas, cren que o segredo non é outro que «organizarse e aproveitar ben o tempo» pero confesan que «tamén puidemos saír». Foron moitas horas de estudo pero algún comenta que «houbo tamén moitos días de estudar de un día para outro un exame» porque con tanto temario os exames se acumulan e as veces non dan un respiro.

Coa nota que obteñan na ABAU xóganse poder entrar na carreira que queren. Uns o teñen máis doado que outros dependendo se aspiran a un dobre grao, a entrar en Medicina ou a un grao de Humanidades para o que nalgún caso, ata o de agora bastaba cun 5 para entrar.

Están convencidos de que hai tempo para todo e aínda que algún deixou de lado temporalmente algunha afección para poder dedicarlle máis horas aos estudos, defenden que houbo tempo para saír cos amigos, para estar coa familia e divertirse sen deixar por iso de ter un expediente sobresaínte.

Este ano no IES Laxeiro houbo 42 alumnos de Ciencias, dos que titularon 33; 21 de Humanidades e Ciencias Sociais dos que aprobaron 13 e 19 en adultos, con 9 titulados. Mentres que no IES Aller Ulloa, o número de matriculados de segundo de BAC foi de 62, dos que aprobaron un total de 38. No IES García Barros da Estrada houbo 61 matriculados e titulan 45: tres con matrícula de honra, mentres que no IES Chano Piñeiro de Forcarei houbo 8 rapaces e aprobaron 5.

Lucas Varela Ferradás

«Gustaríame entrar en Medicina ou senón en Fisioterapia». Lucas Varela Ferradás, foi por Ciencias e rematou segundo de BAC cunha media case perfecta: un 9,99 e un 9,61 de media de BAC. Conta que «gustaríame facer Medicina e senón podo Fisioterapia coa idea de pasarme despois a Medicina», aínda que recoñece que foi cambiando co tempo e «ata finais desde ano non o tiven claro». Xoga ao fútbol e dende os 5 anos está na escola de fútbol de Lalín. Agora compite no xuvenil B, de extremo dereito.

Selma Carballude

«Quero dar clases de inglés ou de galego». Selma Carballude Fernández, de Os Muíños, da parroquia lalinense de Vilanova, obtivo un 9,89 de media de segundo de BAC e un 9,72 de media en todo o BAC. Cursou o de Ciencias Sociais e ten claro que «quero ser profesora». Baralla a posibilidade de «facer Filoloxía Inglesa, que sería unha das miñas opcións, ou Filoloxía Galega polo amor a nosa lingua». Entre as súas materias favoritas atópase, como non podía ser doutro xeito o inglés e o galego, pero comenta que descubriu que «tamén me gusta moitísimo a Xeografía». Aparte de estudar, fai kung fu dende os sete anos. Está na escola Kung Tai e dende os 16 entrena a rapaces pequenos. Algo que lle encanta e que lle serviu para reafirmar «o que me gusta ensinar». Outra das súas afeccións «é escribir: relatos, microrrelatos, poesía pero sempre quixen escribir un libro».

Clara Rodríguez

«Estou pensando en Enfermería ou Fisioterapia». Clara Rodríguez González, de Lalín, foi por Ciencias e acadou unha nota media de 9,4 en segundo e de 9,2 en Bacharelato. «Quero facer algo que sexa da rama de Ciencias da Saúde» e de momento está pensando en Enfermería ou Fisioterapia. No caso de que lle fallen esas posibilidades «farei un ciclo de algo que teña que ver». Pese a todo, comenta que «fun cambiando co tempo, de pequena quería ser perruqueira». A materia que máis lle gustou foi, «sobre todo a Bioloxía». Entre as súas afeccións está o baile, con Máisquedanza «antes ía a clase» pero como lle pasou a outros compañeiros este ano tiveron que deixar algunhas cousas para poder dedicarlle máis tempo ao curso. Unha inclinación artística á que suma a pintura.

Brais Calvo fernández

«Aspiro a un dobre grao de Matemáticas e Enxeñaría Informática e a ser broker ou crupier de Casino». Natural da parroquia de Asperelo, en Rodeiro, Brais Calvo Fernández sacou un 9,67 de media en segundo de BAC e de 9,33 no total do Bacharelato. Foi por Ciencias e «quero facer o dobre grao de Matemáticas e Enxeñaría Informática, e senón me da a nota unha delas por separado». Para o dobre grao, á espera de como quede este año, a nota de corte andaba por un 13, di. De cara ao futuro, Brais pensa en postos como «crupier de Casino ou broker». Cando falamos onte, con el estaban os seus compañeiros de matrícula do Aller que lle preguntaron si facía falta facer Matemáticas para ser grupier de Casino e parece ser que é unha opción.

Álvaro Gómez Moure

«Creo que podo entrar en Enxeñaría de Empresas na Universidade de Abanca». Álvaro Gómez Mouro, tamén de Ciencias, acadou unha media de 9,125 en segundo e 9.18 en BAC. Di que lle gustaban un pouco todas as materias e a súa meta é «facer Enxeñaría de Empresas na Universidade de Abanca na Coruña». Explica que «é unha carreira nova, de feito a primeira promoción sae este ano. É unha mestura de dirección de empresas e cousas de enxeñaría e creo que podo entrar». O seu pai «tivo unha empresa de enerxías renovables e o meu avó ten unha moblería e unha carpintería» polo que o que máis lle gustaría é «poder chegar a montar unha empresa», aínda que despois do que contaba o seu compañeiro Brais non vía mal iso de ser broker, a ser posible en Nova York. Fai deporte, estuda música dende os 5 anos e toca a tuba a Banda.

María Luyza Ribeiro

«Quero facer Filoloxía Inglesa e dar clase nun instituto». María Luyza Ribeiro Mendes de Lalín e nai brasileira, de aí o seu nome, fixo o BAC de Humanidades, unha opción que no Aller este ano so escolleron nove estudantes. A súa vocación é o ensino e quere facer Filoloxía Inglesa e vese dando clases nun instituto. «Sempre quixen ser profesora, pero o do inglés xurdiu máis xa na ESO». Entre as materias que máis lle gustaron está o inglés, o francés e a Historia de España. Cree que segundo non foi difícil «todo é como te organices». Conta que non sempre sacou unhas notas tan altas «empecei a centrarme en cuarto da ESO» e defende que «se lle pillas o punto, estudar ata é entretido».