«As cantareiras de Zobra atesouran a oralidade de historias de vida»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel Souto

Acaba de nacer na parroquia un colectivo para impulsar a publicación dun disco, presidido por Isa Fernández

17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucos lugares quedan xa nos que semella que o tempo corre paseniño. É o caso de Zobra, onde non gustan as presas, e se buscan ocos para tocar a pandeireta ou entonar unha vella cantiga. Isa Fernández Muradás (Acevedo, Zobra) fala con emoción da terra que a veu nacer, na que se criou e pola que suspira. É filla de Celsa Muradás, pandeireteira e cantareira do lugar. Unha das historias vivas de Zobra, que aos seus 84 anos, segue pegada á tradición de manter a oralidade das cantigas que tantas veces interpretaron e que tantas veces escoitou Isa na súa nenez.

—Criouse no medio de cantigas.

—Podemos dicir que si (ri). Aínda me lembro de Trinidad, Rosa de Cachafeiro, Dolores de Taboada, Elisa de Taboada,... Elas xa eran moi maiores, eu unha nena, pero xuntábanse nas fías nun mesmo sitio e empezaban coas cantigas e bailaban. Pepe da Portela tocaba o acordeón...

—Cantigas e ritmo de pandeireta que quedaron sen saír da aldea ata os anos 90.

—Foi así. As pandeireteiras de Zobra déronse a coñecer no ano 1990 cando Mercedes Peón veu para levalas ao programa Luar da TVG. Hortensia, Celsa e Amparo foron as que colleron a iniciativa de ir cantar fóra. Manuela de Florentino, Elisa, Osita, Josefa de Cabaneiro e outras máis eran as que bailaban. Meu pai incorporouse ao grupo de mulleres co acordeón e tamén coa pandeireta xunto a Samuel e Maruja de Taboada... Na aldea, a ampla maioría, sabía tocar, cantar e aturuxar. A celebración dos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro foron para as cantareiras de Zobra algo importantísimo. Unha cita que non se perden nunca, aínda hoxe que xa levan unha idade. Nunca faltaron aos encontros. Séntense moi arroupadas alí xunto con todos os grupos que participan, e para elas tamén foi unha presentación, un darse a coñecer a nivel da comarca.

—Queda unha formación integrada por maiores de 80 anos, como é o caso da súa nai, pero tamén van entrando novos integrantes ao grupo de cantareiras e pandeireteiras.

—Si. Primeiro foise incorporando xente de mediana idade, eu mesma sempre estiven aí e agora as miñas fillas, que pasaron en Zobra a súa infancia, quixeron aprender a tocar a gaita, pandeireta e a bailar. Afortunadamente hai unha continuidade, pero aínda temos a sorte de contar cun grupo que son as que atesouran a oralidade de historias de vida.

—As cantigas reflicten iso, a vida cotiá?

—Efectivamente. As cantigas recrean historias de vida, vivencias, a cultura... É literatura musical.

—E no medio xorde unha asociación, por que?

—Realmente a asociación naceu esta mesma semana; é dicir que acaba de botar a andar despois de todos os trámites administrativos requeridos para este tipo de cuestións. Trátase da Asociación Veciñal Cultural Pandeireteiras de Zobra e o que pretendemos con este colectivo é manter a cultura viva, e a través do mesmo imos impulsar a publicación dun disco.

—O primeiro traballo discográfico das cantareiras de Zobra.

—Así é. Era necesario facelo. Temos a fortuna de que aínda contamos cun grupo de vellas cantareiras, pero non existía un rexistro das súas voces e con este traballo facémolo posible.

—Como está integrado o grupo na actualidade?

—É unha agrupación de dez persoas no que eu fago de ponte entre as vellas cantareiras e as novas, e no que estamos Amparo, Celsa, Maruja de Taboada, Samuel, Maruja de Munín, Lola de Pousao, Lidia, Xiana, Aldara, Leire e eu. Houbo máis persoas pero, por motivos diversos non están, pero loitamos por manter a tradición e que non se perda.

«Este arquivo sonoro único podería estar na rúa dentro duns meses, pero non hai data pechada»

A Isa Fernández Muradás resúltalle difícil atopar na súa traxectoria un tempo no que Zobra non formase parte do seu decorrer cotiá; «soamente en momentos puntuais durante os embarazos», apunta cun sorriso. A terra tira, pero máis se cabe cando a túa aldea queda no último recuncho do municipio; lonxe de todo. «A estrada e a luz foron o último sitio de Lalín ao que chegaron... Puido influír en que non se mudaran costumes, e manteñamos esta riqueza que tan marabillosamente describiu Emilio Araúxo no seu libro «Zobra», ou tan ben conta Celso Fernández. Ambos os dous son moi importantes para a parroquia, divulgaron a cultura de Zobra extraordinariamente», apunta a presidenta da recén estreada asociación.

Unha aldea nos confíns do territorio municipal no que Celsa segue aturuxando coma ninguén, «é a única do grupo que o segue facendo», e no que todos están desexando ter nas mans o traballo que tantas horas lles levou: un disco cunha ducia de cantigas e retrousos. «É un arquivo sonoro único. Algo do que careciamos, e que pensamos que poderá estar na rúa dentro duns meses, pero sen data pechada para sacalo, o que podo dicir é que contén cantigas fermosas en galego e algunhas castelanizadas por cuestións puramente políticas da época en que o galego non se podía empregar», explica Isa. Textos que se encargou a presidenta da Asociación Veciñal Cultural de Zobra de recompilar e mesmo axustar os tons musicais de moitas das cantigas que están na memoria dos vellos.

Así nesta celebración do Día das Letras Galegas en que o Concello de Lalín acolle o Serán das Letras (Praza da Igrexa, 18 horas) homenaxeará tamén as pandeireteiras de Zobra pola súa traxectoria como cantareiras orgullosas de manter a tradición.