«Os veciños pensaban que o da París de Noia era unha broma»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

MARCOS CREO

A parroquia de Anzo (Lalín) aposta forte nas súas festas de verán, cun programa que pode roldar os 20.000 euros

18 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Anzo non é unha das parroquias lalinenses con máis veciños do municipio, pero coraxe non lles falta; e a comisión de festas moito menos. Senón que llelo digan aos sete ramistas, cinco mulleres e dous homes da aldea, que dende o ano 2017 traballan de xeito conxunto na organización dos festexos e que nesta ocasión deron un pulo tal ao programa, que máis dun pensou que se trataba dunha invención. Todo comezou cando pola parroquia murmurábase que para as Festas da Ascensión e do San Xoán ía tocar a París de Noia. Pedro Montoto, un dos ramistas de Anzo, aínda sorrí agora ao lembrarse daqueles días. «Foi curioso, pero a maioría non o crían. Pensaban que o da actuación da París de Noia era unha broma ata que colocamos os carteis. Mesmo algún chegou a preguntarnos se era a orquestra orixinal. Claro que é a auténtica!», sentencia.

Todo resultou absolutamente certo, e o programa dos festexos, que xa se pode visualizar pola zona, anuncia para o día 24, sábado, as actuacións da devantida formación e da discoteca Pirámide XL, e para o domingo a Banda de Música de Vilatuxe; unha agrupación que sempre está presente nos festexos de Anzo. Pero, que levou á comisión a facer unha aposta deste calibre? Responde Pedro que xa viñan dándolle voltas a esa posibilidade dende anos atrás, e que finalmente aliñáronse todos os factores favorables para poder materializar o desexo do grupo. «Os últimos anos gastabamos unha suma de diñeiro importante nunhas festas que non se correspondían coa xente que logo había no campo. As aportacións que facían os veciños, colaboradores e de publicidade non se vían reflectidos no volume de asistentes, e iso o que pretendemos cambiar con esta aposta».

Foi xa no pasado mes de febreiro cando a comisión organizadora estableceu os primeiros contactos coa orquestra París de Noia, contrato que se pechou posteriormente, unha vez cadraron tamén as dimensións do campo da festa de Anzo para acoller un palco das importantes dimensións que manexa a formación. «Foi un dos asuntos que nos prantexaron ao principio, pero aí non temos problema». Resta agora saltar outro charco: o económico, tendo en conta que o programa de festas pode rondar entre os 18 e os 20.000 euros, segundo a comisión, pero os ramistas rezuman optimismo ao respecto, grazas aos apoios que están atopando. «Os veciños da parroquia colaboran ben, aínda que non somos moitos e hai cada vez máis casas pechadas e poucos habitantes en moitas delas como en todas partes, temos aportacións de publicidade e unha gran axuda tamén do grupo Troula polo que pensamos que sairá ben, e se o tempo acompaña...».

Unha aposta por todo o alto que a comisión non descarta repetir.