Cuíña cre na utilidade das comunidades enerxéticas nas áreas parroquiais de Lalín

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Tilda de necesario o seu funcionamento no polígono, como pediu no ano 2022

21 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O asentamento de comunidades enerxéticas no municipio de Lalín foi un dos asuntos tratados na reunión do luns do comité de seguimento da Axenda Urbana, no que o coordinador de Compromiso por Lalín (CxL), Rafael Cuíña, fixo fincapé na «absoluta necesidade de que se poña en funcionamento no polígono, aínda que chegará tarde xa que o propuxen no ano 2022 pero ninguén fixo caso e o tempo acaba dándonos a razón, pero tamén dixen que algunha comunidade podería axudar nalgunha área parroquial concreta. Non somos de facer propostas baleiras de contido senón interesantes para a veciñanza», comentou onte en Radio Voz.

Respecto da petición da súa formación política de realizar un debate sobre o estado do concello no ecuador da lexislatura, cuestión que foi aprobada en pleno por todas as agrupacións, o xefe da oposición amosou serias dúbidas sobre a súa consecución. «Compromiso está disposto a aceptar calquera esquema de debate, o goberno escoitou, pero as posturas están excesivamente afastadas e diría que tristemente é complicado que se faga este debate e é necesario para saber o que se fixo, como están os proxectos, o que se executará e o que non. Cada quen ten a súa estratexia política, que respecto, pero tómanse posturas de máximas que son inaceptables para os outros grupos», explicou. Cuíña tamén aposta por dotar ás escolas infantís de más prazas, tal como o veñen solicitando tamén o PSOE e o BNG; «o sistema que ten a Xunta creo que é axeitado pero á vista está que é insuficiente o número de matrículas que hai en Lalín e os datos así o reflicten coa lista de agarda existente».

Un segundo parque canino

Por outra banda, e dentro da liña colaborativa que mantén co goberno local, apelou ao diálogo para «sentarse para ver que vieiro se lle quere dar á programación do orgullo LGTBI + para os próximos anos, unha programación ambiciosa como a que fixemos nós, ou máis tranquila coma a desta edición». E petición tamén ao goberno lalinense para que se dote ao casco urbano con outro parque canino polo importante volume de mascotas existentes; «podería implantarse outro na zona do Agro de Lalín de Arriba. É unha necesidade ter outro», dixo.