Dous anos de goberno en Lalín

José Crespo ALCALDE DO PP DE LALÍN

LALÍN

17 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe fai dous anos da toma de posesión do actual goberno, despois das eleccións municipais de 2023. Para min foi unha data especial, porque aínda que tiven varias tomas de posesión ao longo da miña traxectoria política, esta era a reválida despois de 4 anos de intenso traballo e na que o pobo de Lalín falou alto e claro do modelo polo que apostaba. O noso modelo, o «mellor para Lalín».

Despois de oito anos políticos moi intensos para o noso Concello, que comezaron no 2015 cun executivo de concentración que dou o relevo pola mínima ao goberno do PP, os nosos veciños puideron comparar entre os xeitos de gobernar. O xuízo dos veciños foi claro, apostou por un proxecto para Lalín definido e por unha capacidade de xestión que xa ninguén dubida e que nos levou a asinar os 4 anos máis importantes de investimentos, tanto propios como de outras administracións, e que axudaron a incrementar os servizos cos que xa contaba Lalín.

E o que é máis importante, a veciñanza aprobou un xeito de facer política no que os intereses dos veciños, neste caso dos lalinenses, son o primeiro e despois, máis lonxe, van os intereses das formacións políticas. A mellor proba foi o ter sido capaz de negociar e conseguir investimentos de todas as administracións, sen ter en contar a cor política de quen podía traer melloras para os veciños. A ampliación do cemiterio, cun investimento moi alto da Deputación socialista de Carmela Silva, ou a subvención récord do IDAE, aprobada polo goberno do Estado, foron o mellor demostración aos veciños de que ao goberno que saíu das eleccións de 2019 só lle importaban os veciños e os investimentos en Lalín, e moi por detrás o debate ideolóxico ou os intereses partidistas.

Fai dous anos, Lalín elixiu o modelo que quería. E elixiuno podendo comparar, podendo opoñer como facían as cousas outros e como as facemos nós, o que lle deu aínda máis valor a aquela vitoria electoral. Lalín non tivo dúbida ningunha e elixiu un xeito de facer política para os veciños e cos veciños. Do paso pola oposición, quedáronme gravadas algunhas cousas como as ansias por dividir que tiña e aínda mantén vivas o PSOE de Lalín da man da dirección de Nicolás G. Casares. Fixo un gran esforzo en sementar discrepancias, pero moi pouco en conseguir recursos para Lalín. Non é entendible, un lustro despois, que Casares non fora quen de atraer para Lalín, dende a súa condición de líder do PSOE e timonel da administración municipal, ningún investimento importante da Deputación de Pontevedra que era da súa cor. Co PSOE na Deputación, os gobernos populares posteriores a 2019 conseguimos máis investimentos para Lalín que os socialistas cos seus correlixionarios. Algo tería que ver o posicionamento de Casares no lado oposto ao que estaba o PSOE provincial. Os intereses persoais do político socialista lalinense enterraron aos que podía ter como tenente de alcalde, ao contrario do que demostramos gobernando o Partido Popular en que primeiro son os veciños e os investimentos para Lalín e despois os intereses políticos lexítimos.

Do paso pola oposición, non esquezo tampouco a liorta ideolóxica no eido da cultura impulsada polo «mestre» á que lle puxo a cara APAC. Daquel xeito de querer impoñer as cousas non quedan nin as faíscas, porque a imposición de modelos á que xogaron, en Lalín non funciona. Xa non funcionaba no seu día con actos culturais pequenos, faltos de xente e nas que as caras eran sempre as mesmas e a mensaxe cada vez máis cargada de imposición no xeito de pensar. Episodios como o expurgo ideolóxico realizado por unha persoa allea ao Concello na Biblioteca Municipal, apartando libros de persoeiros que non pensaban coma eles, quedaron na intrahistoria de Lalín como un triste capítulo da xenreira que tiñan contra persoeiros que tanto aportaron ao noso Concello como Manuel Fraga e outros.

Seis anos despois de aquel 14 de xuño de 2019, Lalín é un pobo máis tranquilo, menos dividido e máis centrado en traballar. Lalín estes seis anos medrou máis que a media en infraestruturas, acometéronse proxectos troncais para Lalín en eidos como o sanitario, o hidráulico, o urbanístico e o viario, sen desatender as necesidades daquelas persoas máis desfavorecidas ou os que precisan unha man. Claro que este goberno non fai ben todas as cousas, e que temos cousas nas que seguir traballando e mellorando, pero dende logo a sensación dos lalinenses e que vivimos nun pobo e nun Concello máis tranquilo, máis centrado no importante e que volve a ser referencia en Galicia en moitas cuestións. Lalín non é hoxe máis ca ninguén, pero tampouco menos ca ninguén e o que é tan importante, non ten a sensación de estar esmorecendo que ás veces parecía.

Queda moito que facer, moito no que avanzar e moitísimo no que traballar, pero o que asina e o seu goberno temos proxecto, un proxecto claro e que coñecen os veciños. Na tomba do xenial crooner Frank Sinatra di que «O mellor está por chegar», a estes seis anos que transcorreron dende 2019, seis dos mellores anos de investimentos, proxección e xestión da historia de Lalín, agardo que lle sigan outros tantos que superen aos actuais para seguir debuxando un panorama esperanzador par ao noso Concello.

Non podo menos que concluír agradecendo a todos os lalinenses a confianza que depositastes en min fai dous anos aprobándonos con nota a reválida das eleccións de 2023, e agardando que o esforzo que estamos a facer para seguir mantendo aquel nivel sirva para colmar as esperanzas que depositastes en nós.