Lalín de Arriba celebrou o Santo Antonio con misa, poxa e cea veciñal

daniel gonzález alén LALÍN

LALÍN

Manolo Seixas

O año a subasta acadou un prezo de 120 euros e houbo pezas de porco ou capóns

21 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A parroquia de Lalín de Arriba celebrou a pasada fin de semana a festa do Santo Antonio, este ano en dúas xornadas, recuperando a tradicional poxa das carnes e animais domésticos, que dende tempo inmemorial axudaban a pagar o evento e, tamén como novidade, a Asociación Cultural de

Lalín de Arriba, que se encargou da organización, incluíu no programa unha cea de confraternidade que tivo lugar na noite do venres, na casa señorial de Meiriña, unha vella edificación construída a medidos do século XIX, con materiais procedentes da antiga torre medieval dos Condes de Lemos que se erguía nos terreos que agora ocupa a lalinense estatua do aviador Loriga, na que un xuíz meiriño, e de aí o nome da casa, impartía xustiza e mesmo albergaba daquela a cadea e varias dependencias da entón xurisdición de Deza.

A casa de Meiriña, ao pé dun vello camiño real que foi calzada en tempos e segue sendo itinerario do Camiño de Inverno a Compostela, forma conxunto histórico cun fermoso cruceiro do século XVII e a casa señorial de Moure, que aproveitou os perpiaños dun antigo mosteiro do século X, do que só a igrexa románica chega aos nosos días. Nesta igrexa románica tivo lugar a celebración relixiosa da festa, con misa solemne oficiada polo vicario parroquial de Lalín, o sacerdote Marcos Torres, co templo repleto de fieis, a cuxo remate saíu a procesión co Santo Antonio e o non menos milagreiro San Roque, portados polos máis devotos a remudas, por onda o cruceiro e logo polo antigo camiño que agora é estrada de Lalín a Rodeiro e un par de rúas integradas na vila de Lalín. A música na misa e na procesión púxoa a Banda de Lalín, que logo ofreceu un concerto.

Poxa de años, aves e porco

Logo da procesión tivo lugar a tradicional poxa, que non se celebraba dende 2018, coa que correu coma daquela o veciño Antonio Taboada, para a que os devotos achegaron un año que acadou o prezo de 120 euros, galiñas, capóns, ovos que poxaron ata 10 euros a ducia, e diversas pezas do porco, que eles mesmos ou outros dos presentes poxaron pagando con cartos que axudan a sufragar a festa. Algúns devotos trouxeron as súas mascotas para que lles foran bendicidas coma en tempos se facía co gando.

Na noite do venres celebrouse a referida cea de irmandade, pagando a escote os comensais, contando tamén coa animación musical de Pachi Show e o DJ Kacharelo, e nas vésperas comezara a novena do Santo Antonio con notable concorrencia.

O Santo Antonio non é o patrón de ningunha das parroquias de Lalín, pero é un dos máis celebrados na comarca de Deza, estando presente nos retablos de moitas igrexas e capelas. Ademais de nesta de Lalín de Arriba, ten especial devoción en Vilatuxe, Palmou, Alperiz, Erbo e Goiás, das que xa temos publicado, así coma doutras parroquias da comarca dezá.