
A carballeira de Barcia acolleu onte a XXXI edición da Romaría Interxeracional de Lalín, unha cita organizada polo Concello para homenaxear aos seus maiores convertida nunha gran festa na que recoñecer ás persoas de máis idade, os que máis anos estiveron emigrados e ao matrimonio máis duradeiro. Todo iso acompañado dunha misa, comida popular e baile, onde tamén houbo premiados. Unha xuntanza na que participaron unhas 400 persoas.
En primeiro lugar, Celino Camilo Gil Rodríguez, de 97 anos, e Concepción Vila Barrio, de 95, foron agasallados co recoñecemento ao home e á muller de máis idade, recibindo sendos detalles de man do director territorial da Consellería de Medio Rural, Antonio Crespo, e do alcalde de Lalín, José Crespo.
Por outra banda, Leontina Golmar Carballo e Manuel Portos Cadaviz foron protagonistas ao ser distinguidos co recoñecemento de estaren máis tempo emigrados. A primeira estivo 67 anos en Venezuela, namentres o segundo pasou 66 fóra: 13 no Brasil e 53 en Venezuela. Os concelleiros Raquel Lorenzo, Pablo Areán, Beatriz Canda e Karen Fernández foron os encargados de darlles os agasallos.
Por último entregouse o premio ao matrimonio máis lonxevo, que recaeu nesta edición na parella formada por Celino Camilo Gil Rodríguez e Elisa Villar Lalín, que levan xuntos un total de 71 anos. Os edís Avelino Souto e Carmen Canda foron os encargados de agasallalos cun ramo de flores e un detalle.
Festa rachada
A romaría comezou ao mediodía cunha misa oficiada polo párroco de Barcia, José Katanga. Despois chegou a sesión vermú co Trío Digital Musical. Logo recuperaron folgos cun ágape a base de empanada, polbo con cachelos, carne ao caldeiro e sobremesa.

Aí non rematou todo, xa que despois houbo baile con premios para as mellores bailaríns. Saíron galardoados polas súas dotas na pista da carballeira: Baldomero Granja, María Concepción Barcala Iglesias, Gerónimo Tato e Luisa Garra.