Lembrando a Armando Villar

daniel gonzález alén LALÍN

LALÍN

Arquivo familiar

Moi querido pola súa implicación na vida social e deportiva en Lalín

06 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada fin de semana deixounos aos 62 anos o veciño de Lalín Armando Villar González, ben coñecido neste municipio por ter participado activamente durante décadas en moitas actividades deportivas e recreativas. Nestes ambientes deixou grata pegada entre os seus amigos, compañeiros e veciños, polo seu trato afable e cordial, sempre xeneroso e positivo.

A súa nenez decorreu na parroquia de Doade xunto ao seu irmán Antonio e outros cativiños que nela tiñan escola propia. Carballeiras e camiños servían de campos de deportes e recreo, e o río Deza para o baño e a diversión no verán, sempre e cando os labores da labranza o permitisen. Algo cambiaron as cousas cando con nove anos a concentración escolar de principios dos setenta pechou a escola e tódolos rapaces foron para o colexio público de Vilatuxe. O seu mestre Manuel Pichel González lémbrao coma un rapaz intelixente, moi agudo, respectuoso cos mestres, atento e de bo comportamento nas clases. Gustáballe máis o balón que os libros e ademais tiña aptitudes para o fútbol, motivo polo que Pichel, que antes estivera de profesor nun colexio de Vigo, lle ofreceu a posibilidade de compaxinar os estudos na cidade olívica coa práctica do fútbol nas categorías inferiores do Club Turista, que daquela ficaba na terceira división nacional. Alí compartiu pensión con Fráiz de Laro, xogador da época que chegaría a militar no Arenteiro do Carballiño. Logo Armando voltaría para Lalín, onde chegaría a xogar no mítico equipo xuvenil adestrado por Antonio Beloso a finais dos anos setenta.

Máis tarde, Armando converteríase en comentarista de deportes na Radio Noroeste, que a finais dos anos oitenta comezara a funcionar en Lalín. Compaxinaba o labor radiofónico co de encargado da discoteca Krakatoa de Lalín, que rexentaban o seu irmán Antonio e Nardo Seijas «Bernabé», recentemente finado. Armando era ben coñecido entre a xuventude por presentar os festivais e concursos que organizaba a Krakatoa, entre eles os do Entroido.

Moitos dezáns gardan nos seus fogares fotos nas que aparece Armando, sempre atento e servicial, procurando que non houbera leas neste local de referencia para os de Lalín e unha ampla contorna.

Afeccionado ao baile

Outra das súas grandes afeccións foron os bailes de salón, paixón compartida co seu mestre Pichel e as súas amigas Charo Crespo e Cristina de Maceira. Todos eles participaban en cursos e xuntanzas ben divertidas que tiñan lugar en Lalín, na Estrada ou mesmo en Santiago a mediados da década dos noventa. Tamén por ises anos, cos seus amigos Mundo e Manolo, fixo un equipo de dardos para participar nos torneos que se celebraban na comarca.

Armando Villar cambiou o traballo da hostalería polo de comercial de subministros industriais en distintas empresas de Lalín e Santiago. Foi sempre moi apreciado por xefes e compañeiros ata que a saúde llo permitiu. Os últimos tempos transcorreron entre tratamentos e estancias no hospital. A pesar de todo o sufrimento, Armando nunca perdeu o seu carácter afable e doce e, sempre rodeado e ben atendido pola súa familia e amigos, loitou incansablemente contra o cancro entre sentimentos de esperanza e resignación.

A sala velatoria encheuse de coroas e ramos de flores da súa xente, que soubo gañar e conservar a longo da súa vida. O funeral na parroquia de Lalín e o enterramento en Doade constituíron unha grande manifestación de dor, cariño e aprecio por este lalinense que, malia fuxir sempre do protagonismo e a popularidade, permanece na memoria de todos os que o coñeceron e trataron, especialmente na daqueles que gozaron da súa nobre e sincera amizade.