As rúas de Lalín énchense de arte da man da Algarabía

naiara gonzález / d. c. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

N. G.

Decenas de obras exporanse ao aire libre dende mañá

27 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte presentouse en Lalín a chegada dunha nova edición da Algarabía, organizada pola Asociación Cultural O Naranxo. Co fin de impulsar a arte na rúa, a iniciativa comezará mañá ás 18.00 horas no Quilómetro 0 de Lalín, onde se procederá á montaxe e decoración da rúa con 500 globos e bandeiríns de cores, de xeito que cada árbore será adornada cuns oito globos.

Durante a xornada do venres e a do sábado seguirase coa montaxe, e será o domingo ás 13.00 horas cando se inaugure a exposición de «Arte na Rúa», que se poderá ver ata o fin da Algarabía o 7 de setembro nas rúas Principal, Xaquín Loriga e na Praza da Torre. Algunhas das obras serán expostas como fotocopias plastificadas para evitar estragos nas pezas en caso de choiva ou calquera circunstancia inesperada.

A exposición contará cunhas 60 obras, vinte delas sostidas nos farois da rúa mediante cabaletes ao longo da Principal. Tamén haberá representacións artísticas a maior escala, empregando materiais como a tela. Este é o caso das obras de Olalla Garra e Aitana Iglesias, que se poderán ver polas rúas lalinenses, entre outras moitas.

«Lo guay de este proyecto es que sin querer vas a ver arte», sostivo Aitana Iglesias, destacando que mediante actividades coma esta non é preciso máis que saír á rúa para empaparse de arte e de cultura.

Por outra banda, este ano haberá sorpresas, como indicou o pintor Carlos Santos, xa que contarán coa participación de novos artistas da zona, que realizan proxectos artísticos, aínda que algúns non o fan de xeito profesionais. «Hay gente que está haciendo sus cosas sin pretensión, pero que las está haciendo muy bien», sinalou. Entre as obras, algunhas delas teñen coma obxectivo render homenaxe á xente de Lalín, que se poderá ver reflectido na obra de Paío, coa representación de distintas personaxes do lugar.

Convite á participación

Dende a organización, convidan a tódalas persoas sen distinción de sexo, relixión ou ideoloxía a participar nesta actividade. Animan a colaborar a inflar os globos e decorar a tódalas persoas de tódalas idades. A achega da cultura e arte local aos máis cativos é outro dos obxectivos da asociación, propiciando que se impliquen nas artes plásticas, polo que fan unha chamada tamén aos máis cativos a achegarse.