A Policía Nacional festexou onte cun encontro a seu patrón en Lalín

Daniel González Alén LALÍN

LALÍN

Manolo Seixas

Asistiron máis de medio centenar de axentes en activo e xubilados

05 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Para celebrar a festividade do seu patrón, os Santos Anxos Custodios, reuníronse onte sábado en Lalín, máis de medio centenar de membros da Policía Nacional en activo e xubilados a maioría deles da comarca dezá e outros chegados de varios puntos de Galicia. Acompañaron aos axentes familiares e personalidades locais especialmente invitadas, encargándose da organización do evento, como ven sendo costume, o fotoxornalista lalinense Manuel Seixas e o ex inspector de policía afincado en Lalín, Manuel Regueiro.

Fronte o restaurante O Cruce de Vilatuxe, punto de encontro desta celebración anual, as notas musicais do gaiteiro Plácido Rozas, deron a leda benvida aos asistentes que posaron nunha foto de grupo para lembrar esta fraternal xuntanza anual.

Xa no salón principal do restaurante, os organizadores agasallaron aos funcionarios de maior idade con senllos obsequios recordatorios da efeméride e o resto dos presentes recibiron insignias e regalos, que achegaron a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Lalín, xentileza dos mandatarios Luís López e José Crespo respectivamente, que escusaron a súa asistencia a celebración por motivos de axenda.

A continuación postos en pé, os presentes entoaron o himno da Policía Nacional e o párroco de Lalín, Marcos Torres, procedeu a bendición da mesa, na que compartiron un xantar de irmandade, cun menú especial do Restaurante O Cruce, que con anterioridade tamén servira o aperitivo, querendo o colectivo, agradecer as atencións recibidas por parte do propietario deste acreditado establecemento hostaleiro, Alberto Canda, coa entrega dunha métopa dedicada, coa insignia da Policía Nacional.