Con agarimo e gratitude a Marcos Torres

Colectivo veciñal

LALÍN

16 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos días, o pobo de Lalín uniuse cun mesmo sentir: o cariño e o agradecemento cara a Marcos Torres. A recollida de sinaturas que puxemos en marcha naceu do corazón, non da protesta. Foi un xesto sincero de afecto, unha maneira de dicir grazas e de mostrar o desexo de que puidese seguir sendo o noso pastor.

Onte, Marcos escribiu unhas palabras que nos emocionaron e fixeron pensar. Falou con fe, con serenidade e coa humildade que sempre o caracteriza. Lembrounos que nada é noso, quen todo é don, e que a vida dun sacerdote pertence a Deus. Que a vontade do Señor se manifesta na obediencia e na docilidade á Igrexa, e que esa é tamén unha forma de fe. Con esas palabras, Marcos pediunos, sen dicilo directamente, que non se produzan discusións arredor da súa figura, que non o poñamos no medio dunha polémica que el nin pode nin quere librar. E nós entendémolo, e acompañámolo nese sentir.

Agora que a decisión é oficial e Marcos falou alto e claro, queremos transformar aquel movemento veciñal nun xesto de gratitude e de cariño, porque nada do que fixemos foi contra ninguén, senón a favor del e do que representa.

E tamén nos lembrou algo esencial: que é un erro que o cura sexa o centro das conversas ou das noticias, porque o centro é Cristo, e con El, os seus. Nós, como pobo, asumimos esas palabras con respecto e comprensión, e facémolas tamén nosas.

Por iso, non queremos facer ruído, senón deixar soar o agradecemento. Non queremos dividir, senón unir, como el sempre fixo. Non queremos chorar unha marcha, senón celebrar o camiño compartido e o que aínda está por vir.

Porque Marcos non marcha de Lalín: Marcos é de Lalín, e seguiremos véndonos polo pobo, nas rúas, nas festas, nos reencontros. A súa pegada quedará nas parroquias e nos corazóns, e o seu sorriso seguirá acompañando a quen o atope.

Grazas, Marcos, por ser guía, veciño e amigo.

Por estar sempre preto, por escoitar, por consolar e por unir.

E, sobre todo, por cumprir aquel consello que o papa Francisco che deu un día: «Sexa sempre un pastor de amor e de misericordia».

Así te coñecemos, así te queremos, e así seguirás sendo para Lalín.