Lalín acollerá un taller para promover a cerámica e a lingua galega

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

29 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

En novembro desenvolverase en Lalín o obradoiro de cerámica Creando linguaxe de barro, nunha proposta que busca asociar o galego con valores positivos de modernidade e lecer. A iniciativa, con carácter gratuíto, ofrece un formato lúdico de iniciación á cerámica, achegando a artesanía á veciñanza mediante un taller que combina arte e lingua.

Haberá dúas sesións impartidas por Gloria García, licenciada en Belas Artes e artista especializada en cerámica con obradoiro en Lalín. Terán lugar no auditorio municipal los días 19 e 26 de novembro, de 18.00 a 19.30 horas. Están dirixidas a persoas adultas e non se requiren coñecementos previos, con aforo de quince prazas e a inscrición aberta mediante correo electrónico a museo@lalin.gal, cubrindo para elo un formulario. Terán preferencia os empadroados en Lalín.

Na primeira xornada realizaranse pezas sinxelas e utilitarias como cuncas ou placas, incorporando palabras en galego ou elementos visuais inspirados no Laboratorio das Formas de Isaac Díaz Pardo. As pezas levaranse a cocer a un obradoiro local con forno cerámico. Na segunda sesión terá lugar a decoración final e o esmaltado, que requirirá unha segunda cocción.

Este taller forma parte do programa Ronsel Lalín, que inclúe actividades arredor das figuras culturais homenaxeadas neste 2025 como son as cantareiras, Castelao e Isaac Díaz Pardo.