Máis de 5.000 luces acesas por cada veciño de Codeseda

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Adrian Freiria

A aldea lalinense prende 80.000 lámpadas neste Nadal

06 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O rural galego tamén vive o Nadal, e de que xeito! Cada vez son máis as aldeas que espallan imaxinación e lucerío nestes datas, e diso saben moito en Codeseda (Doade) onde van pola sexta edición da súa Aldea no Nadal. Unha iniciativa levada a cabo polos veciños do núcleo con moito esforzo, significa Manuel Blanco desde o Museo Etnográfico Casa do Patrón, «levamos mes e medio traballando moito, sobre todo por parte do equipo do museo, xa que na aldea somos 15 veciños e moitos xa de idade». Non esconde a complexidade dunha iniciativa desta envergadura, pero tampouco a satisfacción que reporta. «Fomos uns precursores en decorar e facer unha programación como a que imos ter, pero tamén alégrome infinitamente que existan outras aldeas, como a de Camposancos que segue a estela. Iso é marabilloso».

Unha aldea de Nadal, cuxa programación está pensada de xeito especial na cativada, e que será inaugurada este próximo domingo ás 19 horas, co aceso das luces, posterior visita guiada polos beléns e actuación do grupo local Os Trasnos de Doade.

Un alumeado con 80.000 lámpadas led, lembra Blanco, «polo que tocan máis de 5.000 luces por veciño xa que somos 15 persoas na aldea. Mira, en Vigo, con 300.000 habitantes e 12 millóns de luces tocarán a unhas 40 lámpadas cada un», comenta con sorna. Con máis ou menos lucerío por cada residente, un ano máis todos os veciños aportaron o seu grao de area á hora de decorar vivendas, alpendres e todo tipo de elemento etnográfico existente na aldea, ademais dos cincuenta beléns de distintos formatos que serán visitables ata despois da festividade de Reis.

Unha iniciativa diferente feita no rural que atrae cada ano a centos de visitantes procedentes da comarca, e de distintos puntos de Galicia, con especial participación de vigueses malia a contar cun fastuoso alumeado. «A nosa decoración non ten nada que ver coa de Vigo. É algo diferente ao que se pode atopar nunha gran cidade ao apostar pola decoración de pequenos elementos, e poñer a disposición dos visitantes sitios moi axeitados para sacarse fotos».

Especialmente orgullosa está a veciñanza de Codeseda de demostrar que desde unha aldea do rural se pode perfectamente artellar unha programación de Nadal diferente, «que non poderiamos realizar sen as axudas da Xunta, Deputación e Concello de Lalín», apunta Blanco. Un ano máis non faltarán os mercadiños solidarios dos días 14, 21 e 18 de decembro, as actuacións de grupos da zona como Habana Feeling, corais de Lalín e Agolada, Pachi Show, Dilema e o dúo Cristina e Lucía, fío musical pola aldea con panxoliñas para ambientar o percorrido dos visitantes e un alumeado que permanecerá aceso desde as seis da tarde ata as dúas da madrugada, desde o vindeiro domingo ata o próximo 7 de xaneiro.