Sete anos de Nadal na aldea lalinense de Codeseda

Manuel Blanco

LALÍN

08 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Benqueridas amigas e amigos: Despois dun mes enteiro de encontros, de luz compartida e de emocións inesquecibles no corazón do inverno, chega o momento delicado de baixar o pano e entoar, cunha dozura melancólica, ese «pobre de min» que anuncia a despedida. Codeseda apágase pouco a pouco, pero queda aceso algo moito máis importante ca as luces: a lembranza viva dun Nadal que volveu a ilusionar por sétimo ano consecutivo a aldea coma nunca, polo tempo do Nadal.

Durante semanas, este pequeno recuncho da Galicia profunda converteuse nun faro no medio da noite invernal. As súas rúas, os seus vellos edificios de pedra cargados de memoria e os recunchos cheos de historia enchéronse dunha iluminación brillante e respectuosa, dunha colección única de beléns artesanais e de espazos nos que a tradición, a etnografía e a creatividade popular dialogaron coa emoción. Cada paso convidaba a deter o tempo, a mirar con novos ollos o que sempre estivo aí, a inmortalizar momentos e, sobre todo, a sentir orgullo de pertenza a este humilde lugar.

Os nenos e nenas viviron o Nadal coa maxia intacta, mentres os maiores recoñecían en cada detalle o traballo ben feito e o amor pola terra. Os mercadiños solidarios, impulsados por colectivos de diversidade funcional e por xente nova emprendedora da contorna, demostraron que a inclusión, a solidariedade e a iniciativa tamén teñen cabida —e moita— no corazón das aldeas. A música, as panxoliñas, as visitas ao museo, os foguetes de cores rompendo o ceo frío da noite … todo foi tecendo unha atmosfera única que fixo desta sétima edición de Unha Aldea do Nadal en Codeseda algo irrepetible.

Hai sete anos, cando todo isto non era máis ca unha idea compartida arredor dunha mesa, poucos podíamos imaxinar ata onde chegaría este soño. Comezamos sen medios, sen experiencia e sen certezas, pero cunha forza imparable: a ilusión da veciñanza. Co

traballo desinteresado, co esforzo constante e coa unión de toda a aldea, fomos construíndo paso a paso un evento absolutamente pioneiro no rural galego. Sen modelos previos, sen grandes infraestruturas, só coa convicción de que as aldeas tamén poden ser protagonistas, tamén poden brillar e tamén poden ofrecer beleza, cultura e emoción no medio do inverno.

Vida no rural

Unha Aldea do Nadal naceu co obxectivo de devolverlle vida ao rural na época máis dura do ano, cando o frío e a escuridade parecen apagalo todo. E conseguiuno. Non só para goce dos seus habitantes —moitos dos cales non poden desprazarse a vilas ou

cidades—, senón tamén como un potente atractivo turístico invernal que trae milleiros de persoas dende as zonas urbanas. Visitantes que marchan sorprendidos e emocionados ao descubrir o que se pode facer en pobos pequenos, cando están habitados por galegos e galegas auténticos, orgullosos da súa terra e comprometidos co seu futuro.

Esta iniciativa converteuse xa nun fito histórico na comarca do Deza e nun referente para toda Galicia. É unha pequena gran revolución rural que devolve ilusión, autoestima e esperanza. Un recordatorio de que o Nadal é unión: unión co espiritual, cos nosos

devanceiros, coa xente coa que compartimos o presente e cos que aínda están por chegar. É tamén unha chamada a espertar as aldeas adormecidas e a demostrar que o inverno pode ser tempo de encontro, luz e fraternidade. Dende aquí, gustaríanos que esta experiencia se propagase coma o lume, de aldea en aldea, por todo o rural galego. Que outras comunidades se animen a soñar, a organizarse e a crear os seus propios Nadais, adaptados á súa identidade e á súa historia. Que as aldeas se enchan de vida, de visitas, de orgullo e de futuro, e que o inverno deixe de ser sinónimo de silencio, para converterse nun tempo de celebración.

Vaia o noso máis emocionado recordo para os veciños e veciñas que xa non están entre nós: Lola, Manolo, Carmiña, Amparo, Julio, Fernando e Santiago. Todos eles foron alicerces deste proxecto dende o inicio, e a súa pegada permanece en cada luz acesa e en

cada sorriso compartido.

O noso agradecemento sincero vai tamén para a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Lalín, a empresa Noroinstal, Espectáculos Deza, COGAMI,

En Morea, os sete grupos musicais e corais participantes, os medios de comunicación, a veciñanza de Doade, os amigos do Museo e, dun xeito moi especial, o persoal do Museo Casa do Patrón, pola súa entrega absoluta nesta gran festa do solsticio de inverno.

E, por riba de todo, grazas aos máis de 3.000 visitantes que pasaron por Codeseda entre o 7 de decembro e o 6 de xaneiro. Sen eles, sen vós, nada disto tería sentido. Sodes quen certificades o valor deste esforzo colectivo, quen o difundides e quen nos animades a

continuar mellorando edición tras edición. A vosa presenza mantén viva esta chama acendida hai sete anos no rural galego: unha

chama que ilumina camiños, esperta conciencias e demostra que o futuro das aldeas tamén se constrúe con ilusión.

Grazas por acompañarnos unha vez máis! Dentro de once meses, a comezos de decembro, aquí estaremos de novo, para seguir escribindo xuntos esta marabillosa aventura. Unha fonda aperta para todas e todos e feliz Aninovo 2026!