O cronista oficial de Lalín presentou un informe para chamar Casa de Álvaro Goyanes o Casa dos Goyanes ao inmoble de titularidade municipal
21 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Álvaro Goyanes Crespo mandaba principios do século XX un edificio modernista no centro de Lalín. Un inmoble adquirido polo Concello, que xa foi rehabilitado e acolle o primeiro dos seus destinos como oficina de información turística e atención aos peregrinos. Pero a propiedade recibe distintos nomes, desde Casa de Don Álvaro a Casa de Álvaro. Esta última incluso xa con un rótulo no muro exterior que pecha o xardín. Para o cronista oficial de Lalín, Daniel González Alén, non son as máis atinadas e elaborou un informe presentado ao Padroado Cultural o pasado decembro con dos propostas para denominar este edificio señorial: Casa de Álvaro Goyanes ou Casa das Goyanes. Para González Alén urxe un amplo consenso para atopar a denominación máis axeitada e canto antes.
Apunta estes dous posibles nomes para a propiedade municipais, co fin de oficializalo, descartando o de Casa de Álvaro ao omitir o apelido da saga Goyanes, ou Casa de Don Álvaro, «esta última evocadora dos tempos en que imperaban as clases sociais e o caciquismo secular e aínda unha ben coñecida marca de puros española que nada ten que ver co citado Álvaro Goyanes, o construtor e primeiro propietario desta casa, destacado personaxe lalinense pertencente a notable familia Goyanes, emparentada con outras familias de fonda raizame neste municipio dezao». Considera que «a espléndida casa que mandara construír e habitou Álvaro Goyanes Crespo, lembrará así, non só o primeiro dono, senón a súa ampla e influinte familia dos Goyanes, que participou activamente na vida económica, social e política, do municipio de Lalín nos dous últimos séculos».
Encargo no 1912
No seu informe Daniel González Alén describe o edificio e a súa construción. Un inmoble de casa e xardín anexo que foi mandado levantar cara o ano 1912 polo avogado lalinense Álvaro Goyanes Crespo, nunha horta situada no centro da vila de Lalín. Quedou transformada en solar cando a apertura da estrada de Santiago a Ourense a mediados do século XIX. Conta que «logo da súa construción, a casa foi morada da familia Goyanes González, que máis adiante enlazaron cos Moure Carrero de Lalín de Arriba, pasando a ser Moure Goyanes os seus moradores». Engade que «nesta época en que as clases sociais estaban no seu apoxeo e ben definidas e o caciquismo imperaba na vila e nas parroquias, as clases máis modestas e desfavorecidas social e economicamente, coñecían a casa coma a de don Álvaro, mentres que para as clases mais podentes a favorecidas entre as que se atopaban os seus donos, era a casa e Álvaro Goyanes o seu construtor e primeiro propietario, do que pasaría aos seus sucesores, sendo un dos últimos propietarios o notario lalinense, Álvaro Moure Goyanes e a súa irmá María Natalia».
Remarca o cronista oficial que «a ben coñecida e ampla familia Goyanes, estableceuse en Lalín a mediados do século XIX, acadando grande notoriedade, influencia e poder, nos ámbitos, político económico e social, emparentando con outras familias dezás de avoengo primeiro e de toda condición social despois, ata a actualidade». «Desta familia —recolle no informe— era Jovita Goyanes Losada, nativo de Camariñas, farmacéutico de profesión que procedente da comarca do Carballiño, onde o seu pai José Goyanes Arias, exercía de notario e escribán, veu para establecerse en Lalín a mediados do século XIX, municipio no que chegou a ser alcalde e aquí contraeu matrimonio sucesivamente -despois de enviuvar de Teresa Taboada veciña do Irixo, coa que tivo un fillo chamado Perfecto-, con dúas fillas do avogado e daquela alcalde e cacique lalinense José Crespo Villar, chamadas Segismunda e Avelina, irmáns do que tamén fora avogado, alcalde e veciño de Donramiro, Antonio Crespo Pampín».
Nese repaso xenealóxico, resalta despois que «fillos de Jovita Goyanes e Segismunda Crespo, eran Nuño, médico e administrador de Correos e Telégrafos en Lalín, e o citado Álvaro Goyanes Crespo, avogado, que casou con Adela González Goyanes, continuando a casa en poder dos seus fillos que emparentaron cos Moure Carrero de Lalín de Arriba, dos que pasaría mediante venda en tempos recentes, ao Concello de Lalín».
«Un dos sete irmáns de Jovita e tío por tanto de Álvaro Goyanes, que tamén se estableceu en Lalín, na que sería a actual rúa Avenida de Buenos Aires, foi o medico Gumersindo Goyanes Losada, o primeiro presidente do Casino de Lalín que acadou certa popularidade protagonista por cabalgar de Lalín a Rodeiro onde tamén exercía de gáleno a principios do século XX, escoltado polos lobos do monte Saldoiro, segundo recolleron nos seus relatos Camilo José Cela, Álvaro Cunqueiro e José María Castroviejo», recolle González Alén no seu documento presentado no Padroado Cultural. «Entre os sucesores de Gumersindo Goyanes, figuran Alfonso Garra Goyanes, o que sería alcalde de Lalín a mediados do século XX e o fillo predilecto de Lalín, Wenceslao Calvo Garra, entre outros», apunta o cronista oficial de Lalín.
Un percorrido xenealóxico con persoeiros de relevancia en distintos eidos
Nese percorrido xenealóxico remarca González Alén que «medio irmán de Irmán de Álvaro Goyanes, e personaxe moi notable no primeiro terzo do século XX, era Ramiro Goyanes Crespo, avogado, rexistrador da propiedade, escritor, representante do Centro Hijos de Lalín en Buenos Aires cando se construíu o Hospitalillo e o cemiterio municipal, e empresario cofundador con varios dos seus parentes da familia Goyanes e outros notables veciños, da Sociedad Anónima Acetilena Lalinense, da que era o maior accionista e logo da Hidroeléctrica del Deza, esta en sociedade coa familia González Taboada. Casado con Concepción Lamas, ambos foron retratados por Laxeiro e tiveron alúmenos dous fillos e moraron na que sería rúa Loriga de Lalín».
«Fillo único do primeiro matrimonio de Jovita Goyanes —prosigue o informe— coa veciña do Irixo, Teresa Taboada, foi Perfecto Goyanes Taboada, que tivo comercio e casa que sería rúa Loriga de Lalín, e casou con Albina Sánchez Pérez, sendo país entre outros, de Celia Goyanes Sánchez, esposa do avogado e alcalde de Lalín a principios do século XX, Jesús Aller Ulloa, pais do recoñecido avogado José Aller Goyanes Cache, e avó do tamén avogado e cooperante en Sudamérica, Henrique Aller López, entre outros individuos desta saga, que tiveron o seu domicilio no barrio do Tirabeque, actual rúa Ramón María Aller».
Encontro no 2016
Por último, incide en que además de emparentar con las familias antes citadas, «os Goyanes emparentaron cos Lamas, Taboada, Facal, Diéguez, Sánchez, López, Gamallo, González, Rodríguez, Souto e outras familias de Deza, manténdose o apelido e o parentesco en bo numero de veciños de Lalín». Outro momento relevante foi no 2016, cando un centenar dos máis de trescentos descendentes dos Goyanes, reuníronse unha fin de semana de agosto en Lalín, para entre outros actos, presentar no museo municipal o libro A familia Goyanes. A publicación recolle «o árbore xenealóxico desta saga e dos seus persoeiros máis relevantes, moitos deles residentes ou con intereses e lazos familiares en Lalín», conclúe Daniel González Alén.