Neste lugar da parroquia lalinense de Vilatuxe, situado na aba da Serra do Candán, uns poucos veciños manteñen a capela e fan festa ao santo apóstolo e mártir
27 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Bustelos é un pequeno lugar da parroquia de Vilatuxe que anda pola ducia de habitantes, afastado da igrexa parroquial máis de sete quilómetros por unha estreita e encostada pista asfaltada dende non hai moitos anos, que aproveita un pequeno val na aba da Serra do Candán que sucan os regatos que van ao Deza. Terras que inclinan dende os 1040 metros de altitude na cume do San Bieito do Candán, ata os 525 do álveo do río de Grobas.
Chegado o mes de agosto, celebran a festividade de San Bartolomeu, que aquí ten a súa capela que os propios veciños se encargan de coidar e manter. Unha celebración sen música nin foguetes, na que os escasos habitantes deste remoto lugar, teñen a compañía dunha vintena de parentes e amigos, os mais de deles chegados de Vilatuxe, que por tradición e devoción veñen a misa, levan as andas do santo e logo comparten mesa e conversa.
Este ano, oficiou a misa José Antonio Salgado, sacerdote que leva a parroquia de Botos e outras de Lalín, sendo a primeira vez que viña ata Bustelos, onde que non lle foi doado chegar logo de perderse polos retortos camiños que van por Moa e Zobra, onde rematan no Portomartín e o Amexeido, punto final para os coches que non pasan as erguidas montañas do Candán.
Logo da misa, saíu a procesión coas vellas imaxes do San Bartolomeu e o San Roque e a máis nova da Santa Bárbara, que se gardan no cativo o retablo neoclásico da capela do século XVIII, unha sinxela construción que con algunhas reformas chega aos nosos días.
Foros, alvarizas e muíños
Estas terras foron dominio dos Condes de Lemos, segundo un documento de 1740 que se garda no SED, outorgado polo seu administrador Francisco López de Sotomayor, daquela residente no lugar de Viñoa en Soutolongo, polo que aforan a Ignacio Bispo, a súa muller Felipa Bieites e os seus fillos Simón e Pedro, a metade desta propiedade e a outra metade a Ignacio Bértolo e Lorenzo Casado e as súas familias, fixando a renda a pagar anualmente en dez ferrados de pan centeo e dous cuartillos de manteiga, por cada metade.
Compoñían o lugar daquela, seis casas, catro delas telladas e dúas colmadas, con prados, hortas, nabais, labrados, montes e devesas, en termo redondo, tendo por lindes os montes e devesas pertencentes ao Mosteiro de Aciveiro, o Campo da Cubela, o río Moa, o Porto do Frade e os montes comunais do Candán.
Non se mencionan no documento esta capela eclesiástica do San Bartolomeu, que debeu ser construída a finais do século XVIII, nin os muíños do regato local un deles no lugar do Pedroselo, propiedade do citado Simón Vispo, segundo figura no Catastro de Ensenada en 1752, nin outros dous que están xuntos no regato das Minas que aquí se chimpa en fervenza antes de xuntarse co Deza, ou a alvariza que tiña este mesmo veciño para as seis colmeas que declara no referido Catastro, que poida que sexa unha das catro que existen na actualidade neste lugar de Vilatuxe. No interrogatorio de Ensenada figura o veciño Ignacio Vispo antes mencionado, co tradicional oficio de arrieiro.
Minas, camiños e fuxidos.
Naqueles xa remotos tempos, aínda non se explotaban as minas que deixaron pegadas dende o Candán ata o Deza, das que se obtiña mineral de estaño e volframio cando as mais importantes de A Trigueira en Zobra, que tiveron o seu esplendor a mediados do pasado século. Daquela construíronse ou melloráronse algúns vellos camiños, entón máis aptos para ovellas e cabras que para carruaxes.
Un deles, que vai de Bustelos ata a aldea abandonada de Grobas de Forcarei, fica intacto na actualidade ofrecendo fermosas vistas destas montañas que presiden o Coco e o Candán, cun ramal cara a O Ameixedo de Zobra, que salva o regato de Grobas, por unha ponte formada por unha grande lousa que cun muíño dunha moa, forman un fermoso conxunto, e outros que poden ollarse dende o miradoiro do Pedroselo.
Nunha cova do monte que comparte o lugar coa parroquia de Refoxos, apareceu unha imaxe policromada da Virxe que foi para a igrexa de Vilatuxe, segundo conta a tradición oral e preto do cumio do Candán, localizamos non hai moito uns petróglifo con coviñas, das que demos conta nunha publicación.
Estas remotas terras da Galicia central, agocharon a moitos fuxidos na Guerra do 36. Un deles, permítasenos esta mención persoal, foi o noso tío avó Jaime González Peña, nativo de Quintá de Cristimil, que co nome de Jacinto estivo agochado nas casas, muíños e mesmo no monte, poñendo escola aos veciños que se xogaban a vida agochándoo, ata que rematada a contenda fratricida, marchou para a Arxentina onde rematou os seus días.