No ano 2020, quen lles escribe propuxo no nome do seu grupo político a creación da tarxeta Lalín merca, pola que os lalinenses poderían dispor de 40 euros para poder mercar no comercio local, e co obxectivo que xerara activación no circuíto económico dunha Vila na que sen dúbida o seu comercio precisaba unha aposta importante por el.
A experiencia de Concellos como Monforte ou Carballo, fixo que valorase trasladar a Lalín unha proposta semellantes, con matices, porque o retorno dese investimento estábase mostrando importante en termos cuantitativos. Por cada euro investido, a mobilización de recursos na economía deses Concellos era importante.
Tiven, -como non-, que escoitar a dirixentes da patronal comarcal, e a algúns políticos de distinto signo, que «a idea non é boa, porque so se beneficiaría aos de sempre», nun exercicio de reducionismo en termos de coñecemento mercado, que a min me sorprendía tristemente. Claro que a min a estas alturas poucas cousas me fan comungar con rodas de muíño, e sabía perfectamente que o problema da proposta non era como era, se non quen a facía, e o temor a que nos apuntásemos un tanto político que puidese condicionar un so voto nunha futura contenda electoral. O máis curioso é que cando a Xunta de Galicia fixo unha campaña de bonos de comercio semellante, para a patronal e o Goberno daquelas, pasou a ser «necesaria».
Anos despois o PSdeG de Lalín colleu a testemuña da proposta, adaptouna sabiamente ás súas teses, e puxo en marcha de novo o debate político sobre a cuestión. Votouse en pleno, e finalmente activáronse 20.000 euros, que é unha cuantía modesta, mais un paso interesante cara futuras promocións comerciais. Din os datos que mobilizou máis de 70,000 euros na vila, o cal é máis do triplo do investido... e digo eu, non estamos nun momento de cuase urxencia social no que se deberan valorar as ideas en función de se son boas ou malas, e non de quen as fai? Agora temos unha patronal comarcal receptiva e pragmática, e un goberno que baixou un tanto a súa exixencia que que «o que se mova non sae na foto», e eu aplaudo a ambos por facelo. Outra cuestión é a situación do comercio local, para a que eu pido que se instaure unha mesa de diálogo entre patronal, goberno de Lalín e os diversos grupos políticos da corporación, porque as campañas de Nadal, Black fridays varios, etc están ben... mais o problema ao mellor é estrutural...
Ou non?