Crear alternativas dende un rural dinámico e emprendedor

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

miguel souto

A Feira Camba Sustentable reúne nun posto o mellor do Deza

21 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Van xa doce edicións da Feira Camba Sustentable que xurdiu como «unha inquedanza dos propios veciños de Río por poñer en valor o rural que nestes trece anos, en que se iniciou a Festa da Fartura e un menos da feira, foi cambiando ao mellor para peor perdendo poboación, pero non en dinamismo ao crearse alternativas aos modelos industriais e transformando produtos agroalimentarios e camiñando cara o ecolóxico», sentencia Alberte Lamazares dende a organización dun evento que voltará a reunir ao longo desta fin de semana a centos de persoas non só do municipio senón de distintos puntos da xeografía.

Feira que arrancará ás seis da tarde coa actuación do Mago Teto, que organiza a Asociación Feira Camba Sustentable e Varacuncas, e na que por vez primeira se poderá disfrutar dun posto con decenas de produtos da comarca do Deza, «para poñer en valor o noso, o produto de proximidade». Tarde en que haberá obradoiros de baile e de pandeireta con Begoña Lorenzo e Lorena Crespo, un tío vivo artesanal para os máis pequenos, e dar paso logo ao fío das 19.30 horas á foliada que amenizarán Arandos, Xirandola, Rechouchíos de Taboada e o grupo de pandeiretas da Asociación Cultural Rechouchíos. Para poder seguir coa troula e os concertos da noite, que ofrecerán Andrés Penabad e Tanto nos Ten, unha torremada a prezos populares dende as dez da noite.

Na xornada dominical, dende as once da mañán poderase disfrutar dunha Festa da Fartura marcada non só por un xantar; non apto para vexetarianos e veganos pola cantidade de carne que se presenta no menú, senón tamén por obradoiros de cestería viva e unha espazo gastronómico e de cata de viños comandado por Álvaro de Casa Sánchez e Alba de Casa Achacán. Ao xantar previsto para ás 14.30 horas, e para o que se esperan 450 persoas o máximo permitido pola organización, consistirá en empanada de torresmos, porco ao espeto, polo e coello á brasa, torradas, iogur, viño, sangría e auga. «Ninguén nos dixo ata a data que marchara sen comer», ironiza Alberte. Con xogos tradicionais e actuacións musicais coma os dos Festicultores pecharase un evento no que colabora a Xunta, Deputación, Concello de Rodeiro e Cogal.