Andaina, libro, xantar xogos e música na segunda Rodeiría de O Falar das Pedras

daniel gonzález alén RODEIRO

RODEIRO

Álex Negreira / A Tulla de Fafián

A iniciativa en Rodeiro tivo unha notable concorrencia de público nos actos

26 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada fin de semana celebrouse en Rodeiro a II Rodeiría do Outono, organizada pola asociación O Falar das Pedras, coa colaboración do Concello e varias empresas locais, que tivo unha notable concorrencia en tódolos actos culturais e recreativos levados a termo na xornada do sábado.

A primeira hora da maña, houbo un percorrido por Asperelo, ollando os valores patrimoniais desta parroquia de entre o Faro e o Arnego, da man do mestre Domingo Castro, membros do colectivo A Tulla de Fafián e quen isto escribe. A igrexa románica de San Martiño; o cruceiro, a antiga escola e o senlleiro carballo da Pega en Asperelo; as mámoas, a cruz de pedra a eira de Caxide; a capela da Santa Cruz e o muíño de Castro en Pereira, mereceron a atención e os comentarios dos asistentes nun percorrido circular de 3, 5 quilómetros, no que o tempo, malia a ameaza da choiva, non foi inconveniente para realizar esta sinxela ruta. Non houbo tempo, para achegarse ata os petróglifos do Coto das Laxes, a Casa da Moura, o cruceiro de Ourín e a casa, o pombal e o lameiro de Viana en Pereira, que se mostraron en fotos cos comentarios precisos, ficando a visita para outra ocasión.

Xa de volta, e baixo carpa no parque da rúa Gumersindo Areán, Xoán Carlos García Porral, Santiago Gómez Fuentes e Gabriel Iglesias Sanmartín presentaron o seu libro Antón e a moura do lameiro de Viana, que é a segunda parte da serie coñecida como Mourindade dezá. Estiveron acompañados pola edil de Cultura de Rodeiro, Xulia Dacal, e a presidenta da asociación O Falar das Pedras, Irma López Losada. Ao remate, houbo sinatura de exemplares.

Tras esta intensa mañá cultural, tocaba lecer, coa música da charanga Os Encerellados durante a sesión vermú, aínda que habería outro pase pola tarde, tralo xantar interxeracional no que tomaron parte mais de 200 persoas e membros da corporación local que pagaron a escote un abundante menú de entremeses, polbo e churrasco, con sobremesas e cafés a repetir. Despois, os asistentes puideron participar nun torneo de tute, mentres os cativos gozaban das actividades programadas para eles. Houbo, tamén, un sorteo dunha camiseta do Real Madrid, asinada polos xogadores do club. Xa de noite, o programa incluía concerto de The Tetas Vab, Susie Q's e sesión co pinchadiscos Marcos Fernández.

Na mesma xornada e pola noite celebrouse o concerto de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre, adiado polo mal tempo o pasado mes de xullo, patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra, que presentou o seu terceiro álbum conxunto co titulo As catedrais silenciadas, que foi moi aplaudido polos asistentes, que mesmo bailaron varias pezas ao compás da música tradicional galega que interpreta con mestría este senlleiro grupo galego.

Compre destacar a colaboración do sacerdote Alvito García Fente na andaina pola parroquia de Asperelo, facilitando a entrada aos templos, a do colectivo A Tulla de Fafián, que se encargou de facer as fotos desta xornada e xunto a Domingo Castro trazar o percorrido que se encargou de desbrozar en varios treitos e ao investigador Álex Negreira, que realizou varias fotogrametrías de diferentes gravados, das que ofrecemos unha mostra nesta reportaxe.