A nena de aldea que soñaba co fútbol sala

David Cofán Mazás
David Cofán LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

Miguel souto

Tras 13 anos de parón, Leticia Vilar preside o único club da comarca que conta cun equipo sénior feminino

08 abr 2024 . Actualizado a las 10:11 h.

A historia de Leticia Vilar (Rodeiro, 1982) é a dunha rapaza de aldea marabillada polo fútbol. Unha paixón pola que pelexou a pesar desas cadeas invisibles que soportaron moitas mulleres do rural, primeiro polo feito de ser muller, e despois pola falta de oportunidades propias de concellos de interior e eminentemente agrarios como é o de Rodeiro. O fútbol, pero especialmente o fútbol sala, supuxo unha catarse para ela, unha vía de escape coa que medrou como persoa e que, despois dun longo parón por motivos persoais, empregou coma ferramenta para brindar ás rapazas da zona as oportunidades e o apoio do que ela non puido gozar de nova.

Dende o 2021 preside o Cogal Escola de Fútbol Sala Rodeiro. O único club de Deza que conta cun equipo sénior feminino. Tamén traballa coma adestradora nunha entidade que suma 80 fichas e equipos mixtos dende infantil a prebenxamín. Poden parecer cifras humildes, pero cómpre lembrar que o equipo fundouse en Rodeiro, un concello fortemente envellecido e no que viven menos de 2.300 persoas. Non estivo soa neste proxecto, contando coa inestimable colaboración dun gran amigo coma Juan Rodríguez, co que a principios de século formou o xerme do club actual.

«Juan e eu sempre tivemos moita ilusión con este deporte e co feminino. Queríamos que Rodeiro non quedara sen equipo e formamos un cadete», lembra. Despois de varios anos xogando, no 2005 sacou o carné de adestradora, non sen sacrificios. «Estudaba en Lugo e ía e volvía de Ourense para sacar o título», sinala.

Pero, de onde vén esta paixón? «Non sei de onde saíu. Na familia non había ninguén que xogara. De nena solo vía fútbol na televisión e era a única rapaza que xogaba cos nenos no colexio. Desexaba ir nas fins de semana á casa dos meus avós en Vila de Cruces para xogar ao fútbol na praza cos rapaces, porque eu vivía nunha aldea moi pequena e non tiña con quen xogar», detalla.

Unha carreira tardía

Non foi ata os 15 anos cando formou parte por primeira vez dun equipo de fútbol sala. «Non había onde xogar ao fútbol sala, e menos en categoría feminina. A única opción era en Ourense, pero quedaba lonxe. A miña traxectoria deportiva comezou sobre o ano 96 cando se formou o Lalín FS, que tiña sénior feminino», lembra.

Eses primeiros anos foron moi ledos para ela, logrando un ascenso á liga autonómica e outros éxitos que garda con moito cariño. No 2002 volveu a casa, a Rodeiro, da man do seu inseparable Juan, que puxo as bases dun novo club. «Moitas compañeiras non xogaran nunca, formouse de novo con rapazas ás que lles gustaba xogar pero non podían», asegura.

O seu bo desempeño na pista non pasou desapercibido, e mesmo o Val do Ulla, un equipo de fútbol 11 que por aquel entonces estaba despegando no fútbol galego, quixo facerse cos seus servizos, pero ela dixo que non. «Sempre terei esa espiña cravada», di resignada.

Retirada anticipada

Pero todo rematou no 2006, cando Leticia decidiu retirarse por motivos persoais e familiares. «Dediqueime á familia e pasei trece anos alonxada, ata agora, que a situación familiar cambiou e Juan volveuse a poñer en contacto comigo. Tiñamos o soño de montar unha escola de fútbol sala en Rodeiro», afirma.

Agora atópase con forzas renovadas e chea de ilusión por facer algo grande coa Escola. «Estou moi satisfeita, pero teño gañas de moitísimo máis. Agora que estou forte quero que isto avance, que o fútbol sala mova xente. A corto prazo queremos crear tamén un sénior masculino e seguir tirando moito polas nenas. Os equipos mixtos están formados case ao completo por nenos, e as rapazas frústranse porque hai diferenzas físicas que son clave. A idea é montar equipos completamente femininos de base para que non teñan que competir nas ligas mixtas e así animar a máis rapazas a practicar este deporte», explica.

Cando bota a vista atrás recoñece que, aínda que ela non sentiu nas súas propias carnes discriminación sexista, as oportunidades que tiñan as nenas eran mínimas. «Nas clases de Educación Física os nenos xogaban ao fútbol e as nenas ao brilé. Eu sempre ía cos rapaces e chegou un punto que o profesor facía a vista gorda comigo. Daquela ao deporte feminino dábaselle moi pouco valor, non tiñamos ningunha axuda. As nenas que están vindo a adestrar teñen o apoio da súa familia, cousa que antes non pasaba, porque xogábamos e non nos viñan a ver. Afortunadamente iso cambiou», comenta.

Porén, asegura que queda moito traballo por facer e loitará «para que as nenas saian adiante».