Saída ao monte, a mellor aula de formación micolóxica

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

cedida

Alejandro Mínguez aporta este venres información, en Rodeiro

31 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Temperaturas mornas e humidade, combinación perfecta que favorece a presenza de cogomelos nos nosos montes, e que motivará unha saída aos montes de Camba este venres 1 de novembro dentro dunha xornada micolóxica que promove o Concello de Rodeiro.

A actividade, que arrancará cunha charla formativa ás 10.30 da mañá, estará dirixida polo membro do Grupo Micolóxico Galego Alejandro Ricardo Mínguez González. A normativa vixente, os consellos á hora de recoller cogomelos, precederán unha saída para recoller exemplares sempre baixo unha importante premisa, insiste Mínguez; «formación e precaución, dúas máximas, coas que se evitarían posibles ingresos hospitalarios en Galicia por intoxicacións, que son frecuentes. Aquí non hai regras e os ditos populares non serven á hora de recoller cogomelos». Unha xornada pensada para todo tipo de público; dende os que non posúen formación micolóxica ata os que teñen bagaxe doutros anos e saiban algo máis, «pero a formación científica é obrigatoria, non podemos saía ao monte sen ter ningunha. Todos os anos hai cambios, e aparecen novos exemplares, outros cambian de nome, de familia e mesmo de comestibilidade polo que é preciso estar actualizados», apunta o experto. Unha sesión formativa que permitirá lembrar e actualizar formación no eido micolóxico antes de saír ao monte na procura de exemplares, «nun mundo en constante evolución no que hai cousas que non sabemos, outras que pensabamos saber e non son e todo iso nun contexto en que cada ano hai novas especies no noso territorio; cogomelos que eran doutras latitudes coma do Levante e mesmo tropicais», explica Mínguez.

Detrás desas variacións, que sorprende a cotío aos expertos en micoloxía como Alejandro Mínguez, está o cambio climático e estacional. Así algunhas especies consideradas clásicas anos atrás, óllanse con certa dificultades. Caso, por exemplo, dalgunhas tricolomas «e incluso levamos anos en que non se ven champiñóns malia que esta é unha terra rica, pero é unha riqueza limitada e se non a coidamos pode acabar desaparecenco», sentencia.

Esta xornada micolóxica inclúe tamén unha identificación e clasificación dos exemplares que se recollan na saída; respondendo ás dúbidas que prantexen os participantes, antes de dar paso a unha degustación coa que se pechará a actividade á que é preciso acudir con cesta e navalla. Lembra Alejandro Mínguez que a normativa micolóxica en Galicia non permite a recollida de cogomelos en bolsas de plástico ou o uso de sachos; «sempre hai que axudarse dunha navalla para analizar os exemplares en todas as súas partes, levar cesta para depositalos e non se poden recoller máis de dous quilos por persoa e día», puntualiza.