O Rodo acolleu unha xornada que contou coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López
16 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A cooperativa de O Rodo, en Rodeiro, acolleu onte as actividades dun dos Outonos Cooperativos promovidos pola Dirección xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia. As actividades consistiron nunha xornada que pon en valor o labor das cooperativas do ámbito rural. A de O Rodo, que foi a escollida, puxo a súa sede a disposición da organización para a realización dunha visita guiada e uns faladoiros sobre experiencias cooperativistas. Estes contaron coas intervencións de representantes de Cogal, Abeluria, Educalecrín e O Rodo. O acto completouse cunha demostración de cociña e unha actuación musical.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asistiu a esta iniciativa no seu concello de nacemento e do que foi alcalde case unha década, Lembrou que «Rodeiro é a miña casa; crieime no campo, sei ben o que supón atender cada día ás vacas; e coñezo de primeira man, por experiencia persoal e profesional, as necesidades e a importancia que tedes neste sector».
López aproveitou para ratificar o seu compromiso co sector primario e rural da provincia e o apoio récord da Deputación ás cooperativas agrogandeiras a través do reforzo de programas de colaboración coma a suba de 100.000 euros das axudas a cooperativas agrogandeiras da provincia que acadarán, dixo, no 2025 a cifra récord de 350.000 euros.
Destacou que «o sector primario é un dos máis importantes motores económicos da provincia e unha valiosa fonte de emprego que conta cuns profesionais concienciados co coidado do medio ambiente, coa produción de produtos de calidade e implicados na modernización das instalacións para ser máis competitivos e eficientes».
Luis López expresou en O Rodo a súa «disposición permanentes» para escoitar as necesidades do sector. Agradeceu o convite para asistir a esta edición dos Outonos Cooperativos e subliñou a importancia estratéxica do sector primario No Deza para facer fronte a desafíos como o reto demográfico ou a sustentabilidade e reafirmou o compromiso do goberno provincial co medio rural da comarca do Deza e de todo o territorio