A Romaría de Santa Minia en Guillar cuxa imaxe chegou a esta parroquia en 1848

Daniel González Alén LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

Manolo Seijas "Bernabé"

Una torre medieval que é Ben de Interese Cultural e uns curiosos remates de hórreos forman parte do patrimonio cultural deste recuncho de Camba

08 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A devoción a Santa Minia chegou ás parroquias dezás de Santa Comba, en terras de Agolada e esta de Santa María de Guillar nas de Rodeiro, do célebre santuario que esta santa mártir romana ten en Brión (A Coruña), onde se gardan as súas reliquias e ten famosa e multitudinaria romaría anual dende o ano 1848 en que alí chegou a imaxe procedente de Cádiz, sendo avogosa para curar as enfermidades da cabeza.

Estivemos un ano máis na festa de Guillar,- da que hai constancia que se comezou a celebrar no ano 1880 e dende hai oitenta anos é a festa principal da parroquia-, que tivo grande concorrencia nas dúas xornadas da pasada fin de semana, con misas solemnes oficiadas polo párroco Alvito García Fente, ás que se sumaron senllas procesións coas imaxes da Santa Minia, que vai nunha furna de cristal e a do San Roque, que gasta un curioso sombreiro de copa; poxas das andas e pasar baixo delas, facer a ofrenda e bicar a imaxe, ofrecer esmolas e, nas vésperas, a tradicional novena.

Na parte profana, houbo sesións vermú e verbenas o sábado, amenizadas polos grupos La Noria e Charlestón Big Band; e tamén a III Festa Infantil, con inchables, xogos e merenda para os cativos. O pasado domingo, día 1, a Banda de Música Municipal de Agolada, tocou na misa e a procesión e despois ofreceu un concerto na sesión vermú.

Non faltaron os xantares nas casas con convidados, de xeito que os pouco máis de 150 habitantes da parroquia, que se reparten en seis lugares, chegaron ao millar, nestas xornadas festeiras enchendo o amplo campo do centro social da parroquia.

Da igrexa parroquial, reconstruída no barroco de finais do século XVIII sendo cura Pablo A. Abraldes ?segundo reza unha inscrición no lintel da porta principal- , da grande casa reitoral amurallada e a súa cheminea barroca, xa temos versado noutras ocasións, así coma de un par de sepulcros, unha lauda con inscrición, unha ara romana e varios elementos da antiga igrexa que se reaproveitaron na nova e tamén na ampla e ben pechada casa reitoral ou fican baixo o centenario castiñeiro que preside a entrada ao recinto sacro. De Guillar, tamén temos publicado sobre as mámoas e as de Arcas, parte delas arrasadas e os restos dos miliarios romanos da Torre e Adelán

A Torre e os curiosos hórreos

Nesta ocasión aproveitamos para achegarmos a fortaleza de A Torre de Guillar, que nos foi xentilmente mostrada no seu interior polos seus moradores. A torre medieval, moi reformada en distintas épocas que da nome ao lugar no que se atopa, foi construída a beira dun antigo e amplo camiño que foi calzada, da que son testemuñas os restos de varios miliarios reaproveitados nas casas e valados, e mais tarde pasou a ser camiño real, que vindo de Pescoso, empataba en Axiaz en Agolada, con outro que viña da Ponte de Pedroso, e seguía por terras de Ventosa, cara a terras lucenses.

A Torre transformada en morada fidalga de escribáns de Camba e Rodeiro no século XVI e maila que carece de escudo na actualidade, sábese que foi dos Vázquez de Pescoso, Araujo, Rodríguez e Somoza, e deles foi José Benito Araujo Somoza, alcalde de Rodeiro a mediados do século XIX.

A casa torre de Villar, tamén coñecida como Torre de Varela, está catalogada coma BIC dende 1994, e da súa historia téñense ocupado os amigos Rubiá e Gómez Buxán no seu libro “Pazos y casas señoriais…” (2006) e nós mesmo no da “Comarca do Deza” (1989).

Na parroquia hai boas mostras da arquitectura popular, destacando os hórreos de ata catro claros, algúns con curiosos remates coma o de Adelán, coa figura dun avión ou os do lugar da Torre, nun conxunto que forman nunha ampla eira lousada. Moito mais se podería contar destas terras que foron dominio, xunto coas do anexo de Az, do mosteiro de Oseira e da casa de Abraldes, que percorremos en mais dunha ocasión acompañados polos amigos que de aquí son nativos, o citado sacerdote Alvito García Fente e Xosé Rodríguez García, recoñecido gandeiro que fai de sancristán, máis non teriamos aquí espazo dabondo, agardando telo noutras ocasións.