
A árbore senlleira cambiara hai pouco de mans coa parcelaria de Camba
19 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Poida que o carballo de maiores dimensións de cantos se atopan no concello de Rodeiro fora este da Ponte da Trabe, en terras da parroquia de Fafián, que acaba de ser chimpado polo seu actual propietario, logo de que lle fora adxudicado na recente concentración parcelaria do Val de Camba.
Esta árbore centenaria retratámola hai anos logo de que os nosos informantes na parroquia de Fafián nos deran conta dela, coidando que ben merecía ser incluída no catalogo de Árbores Senlleiras de Deza e tamén de Galicia, polo seu notable perímetro que deu unha medida de sete metros e máis de vinte de altura. O carballo fora propiedade da poderosa casa labrega dos Vences de Barbeitos desta parroquia de Río, razón pola que coidabamos que non corría perigo de ser arrasada, dado o seu coñecido interese por manter e conservar o patrimonio herdado dos seus devanceiros. Cóntanos un veciño que «se o carballo fora dos Vences ou dos de García de Río ou dos de Mariano de Fafián, seguiría en pé e morrería de vello», coma outras vellas árbores que estas familias teñen no Conchouso e noutras carballeiras e soutos destas parroquias de Camba.
Non foi así, e este carballo senlleiro, situado nun recanto dunha leira ao pé dos valados, foi guindado supoñemos que con permiso das autoridades competentes, por un gandeiro de Río, para agrandar o terreo dedicado a millo ou pradería, que é o que agora se leva. Resulta curioso que agora que hai tantas terras a inculto e a ermo, que constitúen unha verdadeira polvoreira para os incendios, sexa preciso arrasar superficies forestais de arboredo para dedicalas a usos agrícolas e gandeiros e se ameaza aos propietarios que non rocen o mato, con sancións, en lugar de procurar unha política forestal acaída cun aproveitamento axeitado de cultivos e árbores tradicionais.
A parcelaria arrasou o arboredo de Camba
A concentración parcelaria rematada recentemente no val de Camba, co natural cambio de propietarios de moitas terras, ao tempo que trouxo vantaxes, arrasou con boa parte do arboredo deste territorio, ao permitir que os propietarios tallaran as árbores antes de deixárllelas aos novos adxudicatarios. Ao pé das pistas da concentración víronse nos últimos tempos verdadeiras moreas de arbores que, mal pagadas polos madeireiros ou aínda a calote, foron parar ás industrias transformadoras, que nos últimos tempos prefiren mercar o piñeiro e o eucalipto que acadan mellores prezos e teñen mellor saída comercial.
A parcelaria de Camba, coma outras en Galicia, deixou á marxe os castros, aquí representados polos de Aboldrón e Vence, a vila romana de Porta de Arcos, a torre-fortaleza coñecida pola Tulla de Fafián, que agora é BIC, ducias de vellos camiños e centos de valados tradicionais.
Non é o noso labor buscar culpables e menos aínda denunciar estas condutas, que atentan contra o noso patrimonio, neste caso medioambiental, xa que deberían ser as autoridades que miran para outro lado e mesmo os veciños, que neste caso deron a voz de alarma e mesmo denunciaron o caso ao Seprona, segundo puidemos saber, máis queremos lamentar a xa irreversible perda deste carballo centenario e que esta crónica triste e sentida, a modo de réquiem, sirva para evitar que outras árbores notables da nosa comarca sigan o mesmo camiño.