«Retirar o festivo e a falta de relevo, fan difícil manter a festa»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

A organización suprime a degustación do mediodía ao ser día laborable

18 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Silleda encara as súas festas de verán nas que volve a cobrar protagonista a Festa do Lacón, que acada este ano a XXIV edición, non exenta dalgunhas novidades. Unha delas é o cambio que se produce na presidencia da Asociación Amigos do Lacón, encargada de realizar o evento gastronómico, que ostenta agora Arturo López Castro substituíndo a Luis González Abal no cargo. «Entramos os dous no colectivo á par, eu era vicepresidente, e agora alguén tiña que figurar aí», comenta Arturo López en plena distribución e colocación de carteis anunciadores da festa do próximo 5 de xullo, venres.

Non esconde o presidente o malestar da asociación polo feito de que se retirara o festivo do evento gastronómico; «tiñamos o día cuberto de actividades e tivemos que suspender todo. Non ten obxecto organizar un programa para cativos e adultos se é un día laborable. Os pais non van poder traer aos rapaces ás actividades que pensabamos promover, así que entre retirar o festivo e a falta de relevo para organizar todo fai difícil manter esta festa e é unha pena ao ser a única que temos destas características no pobo», explica con certo pesar.

Outro dos cambios que se apreciará nesta vindeira edición é a suspensión da degustación de lacón que se viña mantendo ao mediodía; «non ten sentido facela cando os veciños están traballando», conclúe.

A cea a base de lacón asado ou cocido, queixo e marmelo, rosquillas, viño ademais da correspondente táboa e coitelo sufrirá un incremento no prezo derivado dos custos dos productos; «todo experimentou unha importante subida, polo que o prezo este ano queda en 85 euros o lacón xunto coa sobremesa, e está pensado para 5 persoas», según a organización. As reservas están abertas ata o próximo 1 de xullo, e a previsión apunta a que serán degustadas unhas trescentas pezas que serán asadas nas panaderías da zona.

Unha XXIV edición da Festa do Lacón que contará na súa parte musical coas actuacións da Banda Xuvenil de Silleda e o Grupo de Acordeóns da Escola de Música de Silleda, cuxos integrantes serán os encargados de amenizar a velada dun dos eventos gastronómicos máis importantes do pobo, «ao que é preciso que se lle volva a outorgar a categoría que realmente ten, que o goberno manteña a súa data de celebración como xornada festiva no municipio e que os máis novos tamén pensen en colaborar para que se poida manter no futuro», comenta o presidente do colectivo gastronómico.