Trae ao auditorio Manuel Dopazo da Bandeira unha peza de lembranza de experiencias vividas por anteriores xeracións
21 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Coas entradas xa dispoñibles na Bandeira, onde actuará o próximo 21 de febreiro, e tamén en Silleda, Sergio Alba promete diversión neste traballo recomendado para maiores de 14 anos.
—Dous rombos. Os máis novos posiblemente non saiban o que eran e significaban.
—Posiblemente. O sistema de regulación de contidos no audiovisual estivo vixente ata o 92. Non na tele estatal, que no 84, se retirou pero en Canal Sur emitíase, e para os menores de 18 anos significaba pasar para a cama. Esa frase que nos repetían, pero que mesmo o velos xa era un automatismo e sabías que non podías ver ese contido. Esa simboloxía quedou asociada con esa época, e este espectáculo é unha homenaxe ás xeracións que sen darse de conta pasamos do branco e negro á cor, ou de revelar fotos á inmediatez que temos agora. É unha peza para botar unhas risas pensando no que fomos.
—Os tempos pasados foron mellores?
—Depende como se mire. Co paso do tempo temos tendencia a idealizar certas situacións que, se as analizas ben só podes rirte. É un percorrido, contas unha historia e imos compartindo co público que tamén nos conta historias. É un espectáculo de humor retro-activo cuxo obxectivo é facer recordar pero tamén rir.
—Cal é o fío condutor?
—É unha historia na que o público tamén xoga un papel, como dicía, e imos ver como as novas xeracións nacen cunha habilidade tecnolóxica mentres nós tivemos unha clara adaptación ao medio. Eu tamén son músico e gústame que no caian no esquecemento o que eran as nosas realidades cotiás, pero tamén poder comentalas desde un punto de vista humorístico: un rapaz, hoxe, non usou probablemente un casette... Antes era normal, agora... Imos xuntarnos, e nos sitios máis cativos como aquí veciños con veciños, e rir que é un exercicio moi saudable.