Nesta parroquia de Silleda funcionou unha gran fábrica de curtidos e o maior muíño da comarca de Deza
20 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A parroquia de San Martiño de Rellas no concello de Silleda, celebrou o pasado día 12, a festa da Virxe da Guadalupe, con misa oficiada polo sacerdote José Pérez, procesión cunha das dúas imaxes da referida Virxe que se gardan na igrexa parroquial e outra do Sagrado Corazón de Xesús, levadas arredor do templo co acompañamento musical do grupo de gaitas O Son da Fervenza, que tamén animaron a sesión vermú. Este ano celebrouse por primeira vez un xantar popular no campo da festa e centro social, que encheu a carpa cuns douscentos veciños e os seus convidados, que deron conta dun típico menú pagado a escote e ao remate do xantar, bailaron na verbena ao son dos dúos Arco Iris e Aires de Broña.
Esta da Virxe de Guadalupe é unha celebración singular na comarca de Deza, poida que de cando a máis soada da coruñesa vila de Rianxo, onde ten capela propia construída a mediados do século XIX, na que se venera unha imaxe da Rianxeira, traída de terras estremeñas a mediados do século XIX. Desa mesma época debe ser a imaxe da de Rellas, tamén morena e de pequeno tamaño coma a citada, que nesta parroquia de Silleda ten romaría anual, con máis festa cá do propio patrón San Martiño que, por cadrar no inverno e co mal tempo habitual, non anima a traer música e foguetes.
A igrexa parroquial é unha ampla edificación barroca do século XVIII, ampliada no ano 1853 co presbiterio e sancristía, coa axuda económica do empresario francés, Beltrán Legerén, segundo reza unha inscrición na parede posterior do templo, home en prol da parroquia do que tratamos máis adiante.
Da primitiva igrexa románica aproveitáronse as doelas do arco triunfal, un par de canzorros e a pía bautismal. Todo o demais é barroco e neoclásico, incluídos os tres retablos, de mediados do século XIX, nos que hai algunha imaxe máis antiga, caso das do patrón San Martiño e as de San Francisco, Santa Lucía, Santo Antonio, a da Virxe do Carme e a vella da Virxe de Guadalupe, xa que hai outra nova -de maior tamaño, branca e de feitura máis recente- que é a que sae na procesión.
No camposanto, mesmo fronte á fachada principal da igrexa, está o panteón onde repousan os restos mortais do citado Beltrán Legerén, cun epitafio que refire o seu pasamento e unha longa oración mortuoria. Anexa ao camposanto está a casa reitoral, un bo casal de cantería con grande cheminea e lareira de columnas, que vai camiño da ruína total, ao igual que o muíño do Cura, no que pode ollarse un curioso e antigo petróglifo circular nunha das paredes, aínda inédito e sen catalogar, que non se sabe de onde veu, e ata cinco cruces que están gravadas en linteis e marcos. Mais polo seu tamaño, o muíño de Covián, construído en 1810, pasa por ser o máis grande da comarca dezá, cos seus catro pés de moa que movía o río Toxa, que pouco antes recibe as augas do río de Escuadro, ambos salvados por varias pontes que comunican as terras das parroquias de forman o fértil val do Toxa, que tamén compartían muíños e camiños.
No río de Escuadro tiña tamén o seu muíño de casca a fábrica de curtidos que a mediados do século XIX fundara na parroquia o empresario Beltrán Legerén, que xunto ao complexo fabril, do que aínda se conservan as instalacións e maquinaria empregadas, mandou construír no ano 1862 unha grande mansión ao estilo francés, da que a tradición oral di que ten tantas portas e ventás coma os días do ano. A edificación garda mobiliario da época e interesantes pezas, arqueolóxicas e etnográficas no interior e nos ben coidados xardíns, cunha senlleira hórrea e amplo pombal, conxunto que rodea unha extensa propiedade dedicada na actualidade a explotación de gando vacún. Leregén mellorou as comunicacións veciñais e promoveu melloras na zona, chegando a ser alcalde de Silleda e personaxe influínte na política provincial de entón.
De Rellas, parroquia que a principios deste século contaba con máis dun cento de habitantes e agora pouco pasa da metade, poderiamos achegar máis apuntamentos sobre súa historia e patrimonio, pero este artigo non dá para máis e quen teña interese pode buscar e mesmo ampliar o que outros e nós temos publicado ata o de agora.