Un ano recollendo agarimo

Luis Reimóndez

VILA DE CRUCES

27 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Van alá doce meses. Fai hoxe un ano Galicia espertaba coa triste e inesperada noticia do pasamento de Xosé Neira Vilas na súa casa/fundación de Gres. Despois das primeiras reaccións de lóxica sorpresa e de recibir as condolencias dunha amplísima representación da sociedade galega, o tempo, sen lograr nunca afastar a tristura, da paso a un período de reflexión, de serenidade, que nos permite establecer a verdadeira dimensión, a grandeza dese home que viviu sempre ao servizo da terra que o viu nacer. Pregúntanme moitas veces cal é o legado que nos deixa o escritor, a súa pegada.

Para min non ofrece dúbida. Ademais dunha inmensa e variada obra literaria (parte dela aínda por publicar), ademais de ser o escritor que sumou e segue a sumar máis lectores para a nosa lingua, ademais de ser o autor da obra literaria máis lida e traducida, ese auténtico «best seller» das letras galegas titulado Memorias dun neno labrego, ademais de espertar a conciencia social coa súa eficaz narrativa, directa e comprensible dando voz aos Balbinos de todo o mundo, Pepe Neira Vilas déixanos sobre todas as cousas un exemplo de galeguidade. Exerceu como galego dentro e fora do país pero, iso si, sempre coa tolerancia e respecto debidos a calquera outra opción ou ideoloxía.

Durante este primeiro ano de ausencia a actividade foi incesante lembrando a súa memoria. A Fundación que leva o seo nome, encargada de velar pola obra e figura do autor e que ostenta a súa representatividade, estivo presente -de maneira activa ou convidada- en multitude de actos de lembranza e homenaxe. Presentacións de libros, representación teatrais, homenaxes coma o da Cidade da Cultura de Galicia, o ofrecido por Cantigas e Agarimos en Santiago, un festival en Ponteceso, actos de recoñecemento en Sada, en Vila de Cruces, en Riós, en Cercio, ou a descuberta dun Balbino en pedra fronte a Biblioteca Neira Vilas de Vigo, son só uns exemplos. As convocatorias dos premios Balbino e Xosé Neira Vilas de novela curta serven tamén para recordar a ese labrego das letras universal.

Xosé Neira Vilas un ano despois segue connosco recollendo agarimo.